O Concello de Rábade impulsa a eficiencia enerxética no pavillón e no campo de fútbol municipais

As obras para optimizar o rendemento enerxético do pavillón e do campo de fútbol municipais de Rábade encaran a súa fase final grazas a un investimento de 60.000 euros aportado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e a alcaldesa, Remedios González, supervisaron os traballos durante unha visita ás instalacións, na que destacaron o avance das actuacións incluídas nas axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local 2025, unha convocatoria destinada a apoiar proxectos municipais de mellora enerxética.
No pavillón realizouse unha completa renovación do sistema de iluminación, que foi substituído por tecnoloxía LED para favorecer un consumo máis eficiente. Instaláronse 24 proxectores de 250 W, ademais de 10 barras dobres, 26 barras sinxelas e oito luces de emerxencia, todo con sistemas LED de última xeración. Paralelamente, executouse a reforma da cuberta co obxectivo de reforzar o illamento térmico do edificio e reducir perdas de enerxía.
Outra das intervencións destacadas é a substitución das caldeiras que proporcionan auga quente sanitaria tanto ao pavillón como aos vestiarios do campo de fútbol, que están a ser cambiadas por termos de aerotermia, con dous equipos instalados en cada instalación.
Arias subliñou que estes proxectos “permitirán rebaixar o consumo enerxético e incrementar o confort das instalacións municipais”, ao tempo que lembrou que esta liña de axudas fixo posible acometer este ano 23 actuacións en concellos lucenses, cun investimento conxunto próximo aos 1,3 millóns de euros por parte da Xunta.