O Concello de Rábade realizará a súa campaña do 25N a través das redes sociais

LugoXa | TerraChaXa
Tamén haberá un obradoiro para o alumnado no CEIP Otero Pedrayo e un acto aberto ao público o propio día 25 de novembro
25N-violencia-de-xenero-rabade2
4 Nov 2025

O Concello de Rábade desenvolverá un ano máis a campaña ‘Rábade contra as violencias machistas, Rábade en negro’ co obxectivo de darlle visibilidade ás vítimas da violencia machista arredor do 25 de novembro, Día Internacional en Contra da Violencia de Xénero.

Este ano, e ao longo deste mes de novembro, o Goberno local desenvolverá unha campaña dirixida a concienciar á poboación en xeral sobre a violencia de xénero, e ao mesmo tempo tratará de darlle visibilidade ás vítimas mortais da violencia machista en 2025.

Con este obxectivo, cada día publicarase nas redes sociais oficias do Concello, Facebook e Instagram, o recordo a unha vítima de 2025, xunto a unha idea concreta de como podemos ir cambiando a nosa actitude na nosa vida diaria baixo o lema “Porque todo importa”.

A idea que se quere transmitir con esta iniciativa é que cada un ou cada unha de nós pode facer algo para ir revertendo esta lacra e construíndo así unha sociedade máis igualitaria e máis xusta; onde ningún tipo de violencia teña cabida.

Por outra parte, o 21 de novembro levarase a cabo no CEIP Otero Pedrayo un obradoiro sobre agresións sexuais e violencia sexual adaptado para o alumnado de 5º e 6 de Primaria. Esta actividade está financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade e será impartida por María Angélica Mercado Torres, coaching, formadora e especialista en xénero e políticas de igualdade.

Así mesmo, o día 25 de novembro, haberá un acto central, ás 12:00 horas na Praza do Concello de Rábade, de homenaxe ás vítimas mortais de violencia de xénero en 2025.

O Goberno local que preside Reme González anima tamén ao comercio e á hostalería a manifestar a súa adhesión á campaña, vestindo os seus escaparates e locais de negro, co material que se entregou en anos anteriores, ou con calquera outro que elaboren. “Todos os esforzos son benvidos para tratar de rematar con esta lacra”, destaca a rexedora.

⚙ Configurar cookies
0.085888862609863