O Concello destaca o papel do centro Antonio Gandoy na atención diaria ás persoas maiores

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado pola concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, visitou o centro de día Antonio Gandoy coincidindo cos días previos á celebración de Reis, nunha xornada pensada para compartir tempo cos seus usuarios e usuarias e facerlles entrega de agasallos de Nadal. A visita permitiu ao rexedor coñecer de primeira man o día a día do centro e poñer en valor o traballo que se desenvolve neste recurso municipal dirixido ás persoas maiores.
Actualmente, 52 persoas acoden diariamente ao Antonio Gandoy, onde reciben unha atención integral ao longo dunha xornada de oito horas. O centro ofrece ata nove servizos diferentes que inclúen almorzo, xantar e merenda, atención médica e de enfermería, fisioterapia, apoio psicolóxico, servizo de xerocultor, perruquería e podoloxía, garantindo así unha cobertura completa das necesidades asistenciais e sociais das persoas usuarias.
O funcionamento do centro, xunto cos gastos de persoal e o mantemento das instalacións, supón un investimento municipal aproximado de 700.000 euros anuais. Durante a visita, Miguel Fernández tivo ocasión de saudar aos maiores, conversar con eles e escoitar algunhas das súas propostas e suxestións para mellorar o servizo, ademais de trasladarlles os seus bos desexos para o novo ano.
O encontro estivo marcado tamén polo tradicional intercambio de agasallos, no que as persoas usuarias fixeron entrega ao alcalde e á concelleira de distintos adornos elaborados por elas mesmas de forma artesanal, nun xesto que puxo de manifesto a implicación e participación activa dos maiores na vida do centro.
A concelleira de Cohesión Social subliñou a relevancia deste centro de día dentro da rede municipal de atención á terceira idade, destacando que moitas das persoas que o utilizan comparten unha realidade común con arredor de 5.000 veciños e veciñas de Lugo, como é a de vivir soas. Segundo explicou Olga López Racamonde, este tipo de recursos son fundamentais para previr situacións de illamento e exclusión social, especialmente nunha etapa da vida na que o acompañamento resulta esencial.
Pola súa banda, o alcalde insistiu na necesidade de reforzar as políticas públicas dirixidas ás persoas maiores que viven soas, poñendo como exemplo programas municipais como Xantar no Fogar e Axuda no Fogar, impulsados desde a área de Cohesión Social. Tanto Miguel Fernández como Olga López Racamonde reclamaron unha maior implicación da Xunta de Galicia, lembrando que a administración autonómica é a competente en materia de dependencia e benestar social e que os concellos están a asumir competencias que non lles corresponden para garantir a atención aos maiores, apelando á lealdade institucional e ao cumprimento efectivo desas responsabilidades.