O Concello destinará 514.110 euros á renovación das canalizacións de fibrocemento en 10 rúas da cidade
O Concello de Lugo continúa avanzando na eliminación das canalizacións da traída municipal que conteñen fibrocemento. A Xunta de Goberno Local adxudicará hoxe á empresa Proyecon Galicia S.A os traballos cos que a área de Medio Ambiente, pretende renovar a rede de abastecemento e modernizar o saneamento da zona.
Con esta actuación tratan de mellorar os servizos públicos, apostando por infraestruturas máis eficientes e incrementando a calidade da prestación que xa se dá.
De maneira que, coa eliminación do fibrocemento acadaranse varios propósitos, ter unha rede de abastecemento máis sostible, en consonancia coa transformación que están levando a cabo na cidade, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións.
En total, se actuará sobre 187 acometidas, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos en dez rúas: Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.
Esta intervención, na que se inviste máis de medio millón de euros (514.110 euros) ten por obxecto poñerlle fin a aquelas avarías que teñen a súa orixe, principal e precisamente, en seren as conducións de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, elimínase esta casuística e rematase, alén, cos trastornos que isto ocasiona na veciñanza.
A obra pasará a engadirse ás xa realizadas ao respecto noutros puntos da capital como é o caso das rúas Bataneira e Figueira, en Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, na marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e en boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.
A substitución das tubaxes actuais se fará por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento. Ademais, previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas.