O Concello do Corgo convoca un posto de emprego no Xulgado de Paz
O Concello do Corgo publicou as bases para cubrir unha praza de auxiliar administrativo encadrado na Área de Servizos Xerais nas oficinas municipais e de encargado/a da secretaría do Xulgado de Paz.
O sistema de selección dos aspirantes será de oposición libre e estas persoas dispoñen dun prazo de 15 días naturais para presentar a súa solicitude, sendo o 5 de setembro o último día para presentala.
O cometido funcional desta praza e a súa extensión consistirá na realización das funcións propias da subescala, clase e categoría na que se encadra nas oficinas municipais e encargarase, ademais, da secretaría do Xulgado de Paz, pasando a desenvolver, entre outras, o posto de secretario/a do Xulgado de Paz. O candidato que supere a oposición tomará posesión como funcionario interino no posto de traballo citado unha vez que quede vacante por xubilación do seu titular.
Para poder participar nas probas selectivas, os aspirantes deberán ter cumpridos os 16 anos, non ter ningunha limitación física ou psíquica, non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas e posuír o título de Graduado Escolar, formación profesional de primeiro grado, Ciclo formativo de grao medio ou equivalente, Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, na data en que remate o prazo de presentación de instancias.