O Concello duplica o número de varredoras que serán eléctricas e máis silenciosas

LugoXa
O Concello de Lugo duplicará o número de varredoras de limpeza viaria que serán 100% eléctricas e máis silenciosas
31 Jan 2023

Esta mañá presentaronse os novos equipamentos que, dende esta mesma semana, se incorporan ao servizo municipal de limpeza viaria, duplicando o número de máquinas que actualmente realizan ese labor en beirarrúas e prazas.

Así, a rexedora deu conta de que nos próximos días e até mediados de febreiro, irán entrando en funcionamento, de forma paulatina, un total de 6 varredoras e dúas baldeadoras 100% eléctricas e que, proximamente, o farán outras tres varredoras máis de gran envergadura para calzadas.

“Trátase de dispositivos altamente competitivos no mercado, que ofrecen maiores prestacións en canto a eficiencia enerxética e sostibilidade xa que permiten diminuír a pegada de carbono e a emisión de gases contaminantes pero que terán unha repercusión moi positiva na convivencia cidadá debido a que son moito máis silenciosas (xeran ata 30 dB menos de ruído coa turbina de aspiración en funcionamento) que os actuais e, polo tanto, as molestias que orixina o seu uso serán tamén significativamente menores”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa referiu, así mesmo, que se trata de vehículos equipados ao máximo para a prestación do servizo. Avances que o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou polo miúdo.

“No caso das varredoras, que poderán circular a unha velocidade máxima de 25 km/h, están dotadas coa mellor batería da súa clase o que redundará na súa operatividade e vida útil. Cunha carga de ata 1.200 kg de peso contan con dous cepillos de varrido frontal e unha tolva de aluminio con sistema de reciclado de auga mentres que as baldeadoras, que poden alcanzar os 40 km/hora, levan conexións hidráulicas dianteiras e traseiras, con acoplamentos para bomba de auga, fregadora, etc que mesmo permiten o seu funcionamento con cadeas de neve. Características técnicas, todas elas, que reverterán directamente na súa versatilidade e que aumentarán a eficacia das tarefas de aseo”, engadiu o edil.

A rexedora deu conta de que dende este mesmo xoves a concesionaria comezará a impartir a formación correspondente ao seu manexo entre o persoal autorizado - que superará a quincena de operarios e operarias - con indicacións sobre como mellorar o rendemento dos traballos e nocións de seguridade relacionadas co tipo de carga destes vehículos en comparación cos que dependen de combustibles fósiles.

Lara Méndez enmarcou todos estes aspectos na mellora tan importante que está a experimentar a prestación do servizo trala entrada en vigor da nova adxudicación e conforme se van implementando as diferentes medidas que contempla, o que “suporá un antes e un despois para a imaxe que ofrece o concello e para o seu estado de conservación – afirmou – sempre en consonancia co noso modelo de cidade”, sostivo.

Pola súa parte, Fernández recordou que xunto ao aumento e incorporación dun maior número de efectivos e de novos equipamentos, tamén se intensificaron as tarefas de limpeza diaria das brigadas e o tipo de intervencións con operacións de barrido, baldeo e roza nos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, dentro das que tamén se atende ás manchas no pavimento, á recollida de follas ou froitos do arboredo, á retirada dos residuos voluminosos, así como dos excrementos de animais, das pintadas e das herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, “alén de ampliar e facer continuado o horario do Punto Limpo do Ceao, que se mantén aberto de 09:00 a 21:00 horas de luns a sábado”, referiu.

O responsable de Medio Ambiente incidiu, de igual xeito, na implantación progresiva dos novos colectores, que alcanzarán as 4.031 unidades e que proximamente comezarán a colocarse nas parroquias do rural, ampliando as fraccións de recollida e incorporando recipientes para o aceite doméstico e composteiros, logo de ter arranxado, tamén, as illas soterradas ás que se lles deu unha nova apariencia para diminuír o seu impacto estético.

“Unha mellora conxunta do coidado da cidade que se fará máis notoria a partir de agora posto que xa se formalizou, alén, o contrato para o mantemento dos máis de 1’3 millóns de m² de zonas verdes que temos na capital e que queremos conservar en óptimas condicións de ornato nunha aposta decidida por incrementar a calidade de vida da veciñanza”, concluíu Miguel Fernández.

0.072712898254395