O Concello e a Xunta avanzan na mellora da Avenida Serra de Meira dentro do Plan Paradai

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo unha reunión coa Consellería de Infraestruturas acompañado por técnicos municipais e polo concelleiro de Urbanismo, na que se deron pasos importantes para a mellora da Avenida Serra de Meira, unha actuación incluída no Plan Paradai e moi demandada polos veciños da zona leste da cidade. Fernández cualificou o encontro de “moi produtivo” e destacou que, tras anos de espera, “por fin se avanza nun proxecto necesario para Lugo”.
Segundo explicou, a conselleira trasladou a súa vontade firme de que a Xunta asuma o 100% do financiamento e confirmou que o proxecto de execución “está practicamente listo para a súa presentación no Concello”. O rexedor asegurou a máxima colaboración municipal e garantiu que, en canto o documento se presente oficialmente, o goberno local activará de inmediato toda a tramitación administrativa precisa, incluído o acordo de cesión de titularidade que a administración autonómica solicita, co obxectivo de iniciar as obras canto antes.
“O propósito é mellorar unha das principais vías de conexión da zona leste e ofrecer aos veciños unha infraestrutura moderna, segura e acorde co que Lugo merece”, sinalou Fernández, quen lembrou que “tanto o Concello como a Confederación cumpriron xa coa súa parte, e agora é a Xunta quen debe facer o propio”.
O alcalde lamentou o tempo perdido neste proceso e advertiu de que “a cidade non pode permitirse máis atrasos en actuacións tan necesarias”. Aínda así, considerou que “hoxe se deu un paso decisivo”. Ademais, recordou que o Plan Paradai “non remata aquí”, pois aínda queda pendente a mellora da Calzada das Gándaras, “un compromiso que seguiremos reclamando ata que tamén sexa unha realidade”.