O Concello e Adega organizan unha xornada de voluntariado para limpeza de praias
Rubén Arroxo, Alcalde en funcións, xunto con Cristina López, concelleira de Participación e Froilán Pallín e Lucía Anido en representación da Asociación Adega, presentaron a iniciativa que se desenvolverá o vindeiro sábado.
O alcalde en funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación, Cristina López, e Froilán Pallín e Lucía Anido en representación da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza Adega, anunciaron que o Concello de Lugo facilitará á veciñanza a realización de voluntariado nas praias galegas para colaborar coa recollida dos pellets de plástico que están a aparecer ao longo da costa. Rubén Arroxo declarou que “con esta acción facilitamos que todas as veciñas e veciños que o desexen poidan colaborar de xeito voluntario coa limpeza do verquido de plástico que está a afectar ás nosas praias”.
A xornada terá lugar o vindeiro sábado, 20 de xaneiro, no areal de Llas, no concello de Foz. O Concello de Lugo e Adega habilitarán un bus, que sairá ás 10:00 da facultade de Formación do Profesorado, e que chegará ao areal ás 11:30. O remate da xornada está previsto para as 14:30, e a volta a Lugo ás 15:45. As inscricións poderán realizarse a través do formulario habilitado na web e nas redes sociais de Adega.
A actividade conta con 50 prazas para voluntarias que recibirán formación no protocolo de recollida de pellets, ademais de todo o material necesario para o desenvolvemento da limpeza e para manter a súa seguridade en materia de saúde. Seguindo o principio de precaución, Adega dotará ao voluntariado de luvas homologadas para a manipulación de produtos perigosos.
O protocolo de limpeza do lixo mariño elaborado por Adega inclúe especificacións concretas para a retirada adecuada de pellets de microplástico das praias. Algunhas das recomendacións pasan por acudir aos areais en grupos reducidos, realizar a limpeza de pellets nas horas de baixamar, empregar luvas de seguridade e evitar achegarse ás zonas ambientalmente máis sensibles. Aconséllase, igualmente, utilizar a técnica de varrido na area compactada cun cepillo para, posteriormente, metelos nuns recipientes con auga e eliminalos cun coador cunha luz de malla de entre 2 e 3 mm. Débese pisar o menos posible a zona a limpar, dirixindo o avance do grupo na mesma dirección. A recollida do material retirado debe facerse en bolsas específicas debidamente etiquetadas, e non mesturar os pellets con outro tipo de residuos.