O Concello e empresas privadas únense para impulsar emprego sostible

LugoXa
A alcaldesa de Lugo presidiu o primeiro Comité de Investimentos da estratexia municipal Lugo Transforma que busca crear emprego sostible
28 Xul 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu o primeiro Comité de Investimentos da estratexia municipal Lugo Transforma, impulsada polo Concello para consolidar e captar empresas e crear emprego sostible na cidade, no que se presentaron os primeiros catro proxectos innovadores que buscan apoio económico. Tras a presentación estudarase a súa viabilidade que, de avanzar, suporía un investimento do Fondo de máis dun millón de euros e a creación de 80 novos postos de traballo.

Das catro propostas, tres son de empresas instaladas en Lugo e que buscan o impulso financeiro necesario para poder crecer, e outra é unha compañía empresarial de fóra da cidade, que para entrar no fondo inversor municipal deberá asentarse no concello lucense. Todas teñen en común o seu alto nivel de innovación e investigación en desenvolvementos tecnolóxicos, neste caso vinculados á modernización e mellora do sector alimentario, gandeiro e xurídico.

As empresas presentaron os seus proxectos aos membros do Comité de Investimentos, formado polo Concello de Lugo, que mobiliza nesta estratexia 12 millóns de euros mentres as empresas que apostaron por colaborar coa iniciativa municipal de creación de emprego aportaron un millón de euros máis.

A xestora de Lugo Transforma analiza xa as condicións destas catro propostas empresarias co fin de estudar a viabilidade da entrada do fondo municipal no seu accionariado, ademais de darlle apoio e asesoramento no proceso de consolidación.

A alcaldesa valorou moi positivamente os proxectos. “En Lugo queremos reter e atraer talento, crear riqueza apoiando ás empresas vinculadas co modelo de cidade sostible na que traballamos e dar oportunidades laborais á veciñanza, e o altísimo nivel que hoxe vimos neste primeiro Comité de Investimentos indícanos que imos polo bo camiño”, sostivo.

Transformación económica

Méndez avanzou, ademais, que tras o mes de agosto se volverá a convocar ao Comité para seguir analizando as propostas presentadas até agora ao fondo inversor, 37, aínda que lembrou que o fondo aterrará sobre máis de 50 empresas de alto valor engadido, tanto de pequenas como medianas así como de nova creación, con potencial de crecemento e con alta capacitación naqueles sectores que xeren, preferentemente, impacto social e ambiental.

Extrapolando resultados de experiencias similares, se agarda que produza unha creación de máis de mil postos de traballo directos e até o triplo de empregos indirectos, xerando un investimento inducido que superará os 60 millóns de euros por parte das empresas neste tempo.

“Avanzamos nos prazos que nos marcamos para materializar esta transformación económica na cidade, máis necesaria que nunca, provocando un cambio que é sinónimo de oportunidades e que permitirá unha diversificación real que nos permita superar a dependencia que mantemos actualmente do sector servizos”, subliñou a Alcaldesa.

0.068161010742188