O Concello entrega á Xunta o informe de traslado de mexillóns para habilitar a zona de baño

LugoXa
O Concello de Lugo entrega á Xunta o informe e as propostas de traslado dos mexillóns para habilitar a zona pública de baño no Miño
Simulación da Plataforma de Baño Pública II
14 Xuño 2023

O Concello de Lugo trasladou á Xunta de Galicia o informe que dá conta do volume de mexillóns atopados na canle do Miño e tamén as dúas propostas de traslado das colonias detectadas na contorna da zona pública de baño para a que a Admininstración local dispón dunha concesión de 25 anos con ese aproveitamento.

A alcaldesa, Lara Méndez, explicaba que “enviamos ao Executivo galego as conclusións do estudo así como as alternativas de traslocación dos exemplares en base ao traballo de campo e análise efectuado”.

Asi, a rexedora relatou que a mostraxe se realizou nunha sección do río de aproximadamente 140 m de longo e 50 m de ancho, xusto onde se prevé instalar os pantaláns flotantes de xeito que abrangueu, aproximadamente, unha extensión de 7.000 m².

“Nesta superficie cinco técnicos especialistas, mediante o uso de técnicas de mergullo en apnea e mergullo con equipo autónomo, estableceron un alto número de cadrados de mostraxe dos que tomaron datos de presenza e abundancia de exemplares adultos parcialmente emerxidos das especies Potomida littoralis e Unio delphinus. Ao tempo que se percorreron e caracterizaron 2 km de canle fluvial para identificar os tramos de maior concentración e rexistrar a súa distribución e abundancia aproximada, así como as potenciais zonas receptoras de exemplares en función da súa capacidade de acollida”, sinalou Méndez.

Igualmente, de xeito complementario, efectuouse unha batimetría da parcela mediante o uso dunha sonda soar e, co obxectivo de caracterizar as condicións do hábitat acuático, recolléronse datos hidromorfolóxicos (profundidade, sombreado, granulometrías dominantes, presenza de finos e corrente predominante).

En total, estímase que na sección de canle avaliada existe unha poboación de entre 82.000 e 93.000 exemplares de ambas as especies con densidades medias próximas a 14 exemplares por m² de P. littoralis e 4 exemplares por m² de U. delphinus.

Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, referiu que, ante estas cifras, a empresa adxudicataria dos traballos achegou unha solución técnica con dúas opcións.

“A primeira, sería extraer e trasladar unicamente os exemplares que poidan verse afectados polos pantaláns (os que se atopan xusto debaixo) o que implicaría actuar sobre unha superficie de, en torno aos 1.200 m² con impacto directo para 10.000 e 11.000 unidades de P. littoralis e de entre 1.000 e 2.000 para a U. delphinus. E unha segunda proposta que pasa por extraer e trasladar os exemplares que se atopen non só baixo a estrutura flotante, senón tamén os que estean presentes na franxa entre os pantaláns e a beira da marxe esquerda do río. Nesta alternativa calcúlase que a área de actuación abranguería uns 2.000 m² na que se verían afectados entre 20.000 e 22.000 exemplares de P. littoralis e entre 4.000 e 5.000 de U. delphinus”.

“En calquera dos casos – afirmou Miguel Fernández - o documento recolle que de acordo ao analizado durante as propospeccións, o Miño pode albergar poboacións de varios millóns de exemplares de ambas as especies, polo que se considera que calquera das medidas de rescate e traslado expostas para proceder á instalación das piscinas flotantes na zona de baño de Lugo, non deberían ter ningún efecto significativo sobre a conservación destas especies na conca do río”.

O tenente de alcaldesa avanzou, á súa vez, que os moluscos recatados, que serán extraídos de forma manual, poderán depositarse até en 7 tramos diferentes do río considerados viables.

Fernández apelou á Xunta de Galicia a avaliar escrupulosamente dende un punto de vista técnico o informe e as propostas trasladadas polo Concello, instándoa ademais a non demorarse na súa resolución.

“A adxudicataria dos traballos é unha empresa altamente especializada que goza dun gran aval técnico por parte de moitas administracións que contratan os seus traballos, entre elas a propia Xunta, polo que esperamos que as conclusións que expresa e os procedementos que propón sexan recibidas polo ente autonómico co mesmo rigor e credibilidade que lle atribúen no resto de ocasións”.

Antes de rematar, o responsable de área recordou que a ubicación para a que o Concello dispón dos permisos durante un cuarto de século se atopa en pleno cinturón verde da capital, a altura da Tolda de Castela. “Unha localización – insistiu Miguel Fernández - que se considerou idónea, logo das conclusións do estudo de alternativas elaborado e da batimetría realizada e, en base á que se deseñou a estrutura contratada, adaptada xa a este espazo, que supuxo un investimento municipal de 305.000 euros”, concluíu o edil.

0.1839759349823