O Concello entrega os terreos para instalar a torre de telefonía para catro parroquias
O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Transición Ecolóxica e Impulso Rural que dirixe Miguel Fernández, vén poñer a disposición de Amtega os terreos municipais nos que se poderá instalar a torre necesaria para mellorar a cobertura móbil nas parroquias de San Pedro de Mera, Poutomillos, Bacurín e Santa Eulalia de Bóveda.
Logo de recibir a solicitude da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para colaborar na localización das parcelas máis axeitadas, o concelleiro iniciou un labor de procura dos predios que o propio ente autonómico considerou como idóneos para situar este tipo de equipamentos.
“A superficie, situada na parroquia de San Pedro de Mera, se cederá por un período mínimo de 15 anos, de xeito totalmente gratuíto e co fin de posibilitar a colocación dunha torre de telefonía que ocupa 81 m², executando así as infraestruturas de soporte ás redes de comunicacións móbiles precisas que mellorarán a cobertura na contorna”, explicou o edil.
Igualmente, o tenente de alcaldesa informou de que a concellería de Impulso Rural segue traballando para facilitar a posta a disposición de máis predios, ben de titularidade municipal ou a través da intermediación coa veciñanza que reside nos núcleos, conforme aos requirimentos da Axencia Galega co obxectivo de que as sucesivas cesións posibiliten “continuar gañando en servizos e comodidade para as e os residentes e avanzar na eliminación da fenda dixital” e, a este respecto, indicou que “as negociacións xa están tamén moi avanzadas para acadar os terreos adecuados nas parroquias de Gondar, Santa María Alta e Piñeiro”, concluíu Fernández.