O Concello estudará 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses

LugoXa
O Goberno estudará 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses a proposta dos grupos da oposición
mesa transporte lugo
7 sep 2021

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, valorou positivamente a xuntanza da Mesa de Transportes mantida esta mañá. Arroxo explicou que “recibimos propostas dos grupos da oposición para realizar un total de 5 pequenas modificacións puntuais no percorrido dos buses, que estudaremos para comprobar a súa viabilidade”.

Arroxo lembrou que “co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra”.

Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual.

Arroxo declarou que “as propostas achegadas pola oposición serán estudadas polo persoal técnico para comprobar a súa viabilidade e revisar se é posíbel poñelas en funcionamento”.

O actual proxecto de liñas de bus urbano foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público. Durante a elaboración do proxecto, tivéronse en conta as solicitudes da veciñanza achegadas ao concello por distintas vías (queixas e reclamacións, chamadas ao 010, etc). As representantes eleitas pola veciñanza acordaron realizar esta xuntanza para avaliar os primeiros meses das novas liñas de bus urbano.

Xuntanza coa Xunta de Galicia

Rubén Arroxo anunciou que nos vindeiros días manterá unha xuntanza co delegado da Xunta para revisar a situación do bus urbano no Carqueixo. ”Desde o Concello queremos garantir que a veciñanza da zona teña acceso ao bus”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “dado que a parada tería que situarse nun vial propiedade do goberno galego, temos que contar coa súa aprobación para poñelo en marcha”.

Modificacións recollidas polo Goberno

O tenente alcalde deu conta das propostas de modificacións puntuais recollidas na Mesa de Transporte, que afectan ás liñas 3, 4.2, 5 e 13.

Na liña 3 os grupos da oposición solicitan que o traxecto de volta desde Conturiz se realice por Ramón Ferreiro. Este cambio deixaría a zona de Montirón sen bus, mais desde a área de Mobilidade estudarase a posibibilidade de facer chegar o percorrido ata a Fonte do Rei.

Na liña 4.2, o goberno municipal estudará a proposta de modificar o percorrido para chegar á rúa Venancio Senra para comunicar co colexio do Sagrado Corazón. Esta proposta implicaría deixar sen cobertura a parte baixa da Calzada das Gándaras.

O goberno recolleu dúas propostas para modificar a liña 5. A primeira, para solucionar a parada do Carqueixo, implicaría dar a volta na A-6, o que faría que o bus urbano deixara de conectar o barrio da Residencia e a avenida das Américas. Desde o goberno buscarase na xuntanza coa Xunta de Galiza mellorar esta problemática cunha nova parada que de servizo á zona, sen aumentar o percorrido do bus urbano.

Outra das solicitudes da oposición para a liña 5 é a mellora das frecuencias da liña, modificando o percorrido na Residencia, circulando polas rúas Río Ulla e Azalea. Esta proposta diminuiría o número de paradas no barrio.

Na liña 13, a oposición propuxo que o percorrido chegue ata a avenida da Coruña.

Prezo do bus e transbordos

Rubén Arroxo, lembrou que o transporte urbano de Lugo conta co prezo máis barato da Galiza, e o terceiro do estado no billete ordinario do transporte público. O Tenente de Alcalde explicou que "o prezo por billete de transporte urbano da cidade de Lugo actualmente está só por detrás das cidades de Ávila e Ceuta". Arroxo explicou que “non é xusto que un pensionista que cobra máis de 2000€ ao mes non pague o bus mentres que un traballador que cobra menos de 1000€ si”, e afirmou que “de cara á revisión anual de prezos, avanzaremos na gratuidade dos transbordos e en manter as tarifas de transporte urbano con prezos axeitados á situación da veciñanza”

Seguimento en directo

O tenente alcalde explicou que “o novo SAE está en funcionamento desde a entrada en funcionamento das novas liñas, o que xa se pode ver nas paradas que contan con pantalla informativa e nos códigos QR situados no resto de paradas da rede”. Rubén Arroxo avanzou que “nas vindeiras semanas comezaremos a probar a aplicación móbil do bus urbano, completando a renovación tecnolóxica da rede de transporte e dando resposta a unha reclamación que a veciñanza de Lugo leva tempo realizando”.

CIDADÁNS

A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, lamentou esta mañá a falta de dialogo evidenciada polo Gobeirno local en relación ás queixas xurdidas en moitos barrios da cidade como consecuencia das modificacións nos roteiros do bus urbano. Louzao lamentou o atraso da mesa celebrada hoxe "pese ser solcitada por Cs hai meses". A concelleira asegurou que as queixas veciñais "constatan o fracaso de parte do novo modelo xa que este non conecta aos veciños de moitos barrios coas súas necesidades cotiás, como son os centros educativos, os puntos de atención primaria, as instalacións deportivas ou a zona centro". Ademais lamenta que o servizo se encareza "notablemente" pola nova estrutura de transbordos, coa que foi moi crítica, polo que solicitou a Arroxo a gratuidade dos mesmos "de forma inmediata" aínda que isto supoña o axuste do billete en vairos céntimos.

"Entregamos ao responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo un documento que recolle as demandas veciñais transmitidas a este grupo en relación aos cambios introducidos polo Goberno local no servizo de bus urbano nunha serie de encontros realizados entre os meses de xullo e setembro co tecido asociativo das zonas afectadas. Visitamos polo menos unha ducia de barrios que senten prexudicados polos cambios e que non atopan interlocutor por parte do Goberno local. A información recibida nestas zonas contrasta cos datos fríos transmitidos por Arroxo que recorre aos números para salvar o proxecto, pero o incremento de usuarios transmitida polo Goberno local non se axusta á realidade por dous motivos: o ano 2020 non pode tomarse como referente por mor da pandemia e o novo sistema de transbordo aumenta os usarios de forma irreal", sinalou a concelleira.

"Máis aló das demandas particulares de cada zona, que se detallan neste documento, constatamos unha serie de deficiencias sobre as que existe un consenso absoluto e que non teñen que ver co deseño dos roteiros, senón coa calidade do servizo prestado máis aló dos itinerarios elixidos. Neste sentido constatamos unha evidente falta de seguridade viaria no acceso ás paradas das zonas periféricas, unha alarmante falta de información sobre os novos itinerarios especialmente preocupante nas paardas que conectan diferentes lineas e unha carencia no número de marquesiñas instaladas nos lugares onde é posible instalalas", afirmou Louzao. Así mesmo, atendendo a unha perspectiva de xénero, a iluminación nas paradas é deficiente, polo que a concelleira instou a Arroxo a non deixar este aspecto de lado para mellorar progresivamente.

"Por outra banda gustaríanos facer constar a nosa sorpresa pola alarmante falta de dialogo mostrada por parte do Goberno local en relación a este asunto. Consideramos, canto menos, preocupante que, máis aló de implementar as peticións veciñais, este Goberno non haxa nin tan sequera recibido a moitos dos afectados e ignorase as centos de reclamacións escritas evidenciando unha decepcionante falta de participación cidadá, constatando unha desconexión total coa rúa e revelando unha falta de sensibilidade coa poboación máis vulnerable das zonas máis desatendidas", concluíu Louzao.

mesa transporte lugo 1
0.19582200050354