O Concello formaliza a continuidade do viveiro empresarial da Tinería

LugoXa
Lara Méndez revalida o seu compromiso coa rexeneración económica e social da Tinería formalizando a continuidade do viveiro empresarial
tineria lugo
28 Xuño 2023

A rexedora anunciou hoxe que, alén de favorecer que se consolide a oferta de negocios da zona, o Concello levará a cabo novas iniciativas de dinamización neste mandato.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a determinación do Goberno local de seguir revitalizando a Tinería e consolidando a oferta empresarial que xa se atopa nela a través dos viveiros municipais pero tamén doutras iniciativas que o Concello desenvolverá neste mandato.

Deste xeito, dende a área de Dinamización Económica, veñen de tramitarse e formalizarse os novos contratos de alugamento dos sete locais destinados a negocios, sitos neste barrio do Centro Histórico dende o ano 2018 cando a Administración local impulsou o seu aproveitamento en parte, tamén, para evitar a especulación urbanística.

O acordo, asinado co Instituto Galego de Vivenda e Solo, ratifica a posibilidade de continuar arrendando estes inmobles, que oscilan entre os 61’95 € do alugueiro máis baixo até os 446’05 € do máis elevado, durante outros sete anos máis, prorrogándoos exercicio a exercicio.

A rexedora quixo constatar o compromiso do seu Executivo por poñer en valor o conxunto do recinto amurallado, primeiro favorecendo a recuperación económica con estes viveiros e a través de compañas de fomento das compras no comercio local como foi a estratexia Localmente Lucense, pero tamén abordando a súa rexeneración urbanística - co programa de axudas de rehabilitación a través do cal se reformaron ao redor de 700 vivendas neste ámbito – e social, coa recuperación que se pretende facer agora tamén dende O Carme”.

“A zona centro de Lugo é un verdadeiro reclamo turístico, onde as peonalizacións efectuadas até o momento teñen demostrada a súa capacidade revitalizadora, unha liña que queremos teña continuidade coas obras que están en curso neste momento e que conseguirán que o Lugo intra murallas sexa un verdadeiro escaparate e un motor de actividade, alén dun exemplo de como o cambio cambio de paradigma da mobilidade é unha ferramenta fundamental de benestar cidadá e de protección do patrimonio”, engadiu Lara Méndez.

Segundo a alcaldesa, o viveiro de empresas da Tinería redundou, até o momento, nunha revalorización do barrio, dun xeito controlado e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fixo máis atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén a nivel residencial o que tivo un efecto chamada que queremos siga prendido”.

Xa para rematar, Méndez subliñou, unha vez máis, a importancia de que inmobles rehabilitados con fondos públicos queden tamén en mans públicas con garantía de continuidade, o que resulta a maior demostración de cara onde se dirixe a acción política deste Goberno que aposta firmemente pola xeración de oportunidades e a creación de emprego na cidade.

0.21608686447144