O Concello habilita autobuses gratuítos para desprazarse ata a Feira de Nadela este sábado
A Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo apoia o regreso da Feira de Entroido de Nadela logo de anos sen celebrarse. A través de dúas das súas concellerías, ofrecerá axudas para que “toda aquela persoa que o desexe poda acercarse gratuitamente ata Nadela para desfrutar dos produtos máis típicos da nosa gastronomía durante estas datas próximas ao Entroido”, explicou a concelleira de Participación.
Cristina López destacou o carácter tradicional desta feira que ofrece “unha variedade de exposición e venda de produtos da nosa terra con máis de cen postos”. Para a concelleira, as feiras de produtos tradicionais desempeñan un papel crucial “na preservación da cultura e o patrimonio, ao tempo que fomentan o comercio local e a sostibilidade das nosas comunidades”.
Ademais, insiste López, ofrecen ás persoas que as visitan a oportunidade de coñecer tradicións arraigadas e produtos auténticos. A concelleira de Participación falou tamén da “importancia de contar con actividades para todos os públicos, sobre todo nesta época de Entroido, tal e como acontece neste caso co concurso de traxes e a animación con distintos tipos de músicas”.
Para facilitar o desprazamento ata a Feira de Entroido, a concellería de Mobilidade dispoñerá, ademais, unha frota de autobuses para ofrecer un servizo gratuíto de autobuses que conecten a cidade de Lugo con Nadela de 11.30 a 14.15 horas, e de 17.00 a 20.45 horas. Os buses sairán da cidade dende a Avenida Ramón Ferreiro, diante do Instituto Feminino, ás en punto e ás e media, e regresarán de Nadela dende a parada do Campo da Feira ás e cuarto e menos cuarto.