O Concello impulsa 27 prazas de emprego público nun mes para consolidar o persoal municipal

O Concello de Lugo activou 27 prazas entre novas convocatorias, procesos selectivos en marcha e nomeamentos efectivos, dentro dunha estratexia orientada a reducir a temporalidade estrutural e reforzar os servizos municipais.
Na Xunta de Goberno Local déronse luz verde a nove prazas correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2025, ademais de adoptarse diferentes medidas organizativas en materia de persoal.
Entre as prazas aprobadas inclúese unha de arquitecto/a para reforzar a área de urbanismo e planificación técnica. No ámbito social créanse unha praza de educador/a social e dúas de traballador/a social, destinadas a fortalecer a atención a familias, menores e persoas en situación de vulnerabilidade.
Tamén se incorporan dúas prazas de técnico/a de administración xeral en quenda libre e outra por promoción interna, co fin de mellorar a capacidade xurídica e administrativa e favorecer a carreira profesional do persoal municipal. Complétase o paquete con dúas prazas de analista programador/a, fundamentais para avanzar na modernización tecnolóxica e no desenvolvemento da administración electrónica.
Así mesmo, aprobáronse as bases para crear unha bolsa de traballo de técnico especialista en estratexias urbanas financiadas con fondos FEDER. A persoa seleccionada integrarase na unidade de xestión do PAI “Novo Norte” e asumirá funcións relacionadas coa supervisión da contratación pública vinculada a financiamento europeo, o control financeiro e a correcta xustificación dos fondos ante as administracións competentes.
No plano organizativo, autorizouse a permuta de destino entre un axente da Policía Local de Lugo e outro do Concello da Coruña, unha medida que non supón incremento de gasto nin modificación do cadro de persoal, pero que facilita a conciliación mantendo cubertas as prazas.
Tamén se aprobou a atribución temporal das funcións de Sarxento-Xefe do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento ao funcionario municipal Juan González Coto, co fin de garantir a dirección operativa do servizo mentres se desenvolve o proceso de reorganización interna e durante a incapacidade temporal do titular. O servizo conta cun sarxento-xefe, cinco cabos e cincuenta bombeiros-condutores, e nos últimos anos detectouse unha carencia de mandos intermedios.
No balance global do último mes, ás nove prazas aprobadas nesta sesión súmanse outras 16 da OEP de 2025, así como nove da OEP de 2023 nas que se activaron procesos selectivos coa designación de tribunais cualificadores. Engádense tamén dous nomeamentos efectivos como funcionarios de carreira de celadores de colexio público, ademais doutras medidas organizativas e bolsas especializadas.
Noutros asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou a prórroga da concesión do uso privativo do Campo Municipal de Fútbol José Carballido Cerceda, no Ceao, a favor do Club Deportivo Lugo, ata o 13 de xaneiro de 2036.
Igualmente, deuse luz verde ao convenio coa Xunta de Galicia para a cesión ao Concello do aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán, con 148 prazas financiadas con fondos NextGenerationEU, destinado a favorecer unha mobilidade máis sostible.