O Concello inicia a renovación de tres rúas nas Gándaras
O Concello de Lugo vén de iniciar os traballos de renovación de tres novos viais na zona das Gándaras. “Trátase dunha actuación que complementa o traballo executado o pasado verán, co obxectivo de avanzar na renovación integral deste barrio da cidade”. Así o explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.
O Goberno local actúa nas rúas Ouriol, Garza e Tras do Colexio. A solución adoptada consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Unha vez realizados estes traballos, renovarase a sinalización horizontal da zona. Esta intervención supón un investimento de 38.096,68€, para o asfaltado conxunto destas tres rúas, xunto co Camiño das Regas e a Pista da Fervedoira.
"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas", afirmou Arroxo, que engadiu "desde a concellería de Infraestruturas planificamos o traballo a realizar tendo en conta as solicitudes das veciñas e veciños, que son quen coñecen de primeira man as necesidades da zona na que viven".
Durante o ano pasado, o Goberno de Lugo realizou unha importante intervención nas Gándaras, renovando o asfalto das rúas Vagalume, Bolboreta, Paporrubio, Galo, Gaivota, Toledo, Areas, Rola, Camiño de Gustavo e Pombo, ademais dos ramais de acceso da rúa da Rola á Avenida Adolfo Suárez, Bolboreta a Monte Pía Páxaro e Adolfo Suarez á Urbanización Castro Gil. Os traballos consistiron na aplicación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga e unha prolongada duración da actuación, e na renovación da sinalización horizontal, que se mellorou nos cruces complicados.