O Concello inicia a renovación do firme na avenida das Fontiñas entre os números 254 e 310

LugoXa
Os traballos comezarán o mércores e inclúen unha nova capa de rodadura e a renovación da sinalización horizontal, con desvíos temporais para o tráfico
firme-Fontiñas-Lugo
28 Oct 2025

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que o vindeiro mércores darán comezo as obras de renovación do firme na avenida das Fontiñas, nun tramo comprendido entre os números 254 e 310 en dirección á Avenida de Madrid.

Trátase dunha actuación destinada, segundo explicou Penas, “a mellorar o estado dun dos treitos máis desgastados dunha das vías de Lugo que soportan maior volume de tráfico”. O edil subliñou que a Tenencia de Alcaldía traballa para garantir “unha circulación máis segura e cómoda tanto para os condutores como para os peóns”.

Os traballos consistirán na instalación dunha nova capa de rodadura elaborada con mestura asfáltica en quente e na renovación da sinalización horizontal unha vez finalice a intervención.

Para executar estas tarefas será necesario ocupar todo o ámbito da calzada, incluídas as prazas de estacionamento e os carrís de circulación no tramo comprendido entre os números 254 e 310 da Ronda das Fontiñas, en dirección á Ronda das Mercedes. Como consecuencia, o tráfico desviarase por varias rúas alternativas: Sanxillao, Rof Carballo Humanista, avenida Vila Verde Cidade de Portugal, do Nubeiro, Rei Don García e Montirón.

Durante a duración das obras garantirase en todo momento o tránsito peonil, así como o acceso a vivendas, garaxes e locais comerciais, deixando espazo suficiente para que os peóns e usuarios poidan moverse con seguridade pola zona.

⚙ Configurar cookies
0.074153900146484