O Concello inicia as obras para transformar o cruzamento de Alfonso X e Rolda de Fingoi nunha rotonda

LugoXa
O proxecto, cun investimento de máis de 183.000 euros, busca mellorar a fluidez do tráfico, incrementar a seguridade e integrar visualmente a zona
rotonda-Ronda-de-Fingoi
13 Oct 2025

O Concello de Lugo iniciou os traballos para substituír o actual cruzamento regulado por semáforos na confluencia da rúa Alfonso X coa Rolda de Fingoi por unha nova rotonda.

Segundo explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, a actuación “suporá unha importante mellora para a fluidez do tráfico en Lugo, eliminando un cruce regulado por semáforos e aumentando a seguridade da zona”.

Na actualidade, esta intersección é un punto onde conflúen vías con similar intensidade de tráfico e presenta un aspecto visual espido, en contraste co bulevar da Rolda de Fingoi, ademais de ter unhas dimensións superiores ás necesarias para o volume de circulación existente.

Co novo deseño, o Goberno local pretende mellorar tanto a funcionalidade como a estética do espazo, reforzando a seguridade viaria e reducindo os tempos de espera nos desprazamentos.

A intervención inclúe a eliminación dos semáforos e a creación dunha rotonda axardinada, coa remodelación das entradas para garantir a seguridade dos peóns e manter a continuidade da rúa. Tamén se adaptará o sistema de iluminación ao novo deseño, avanzando na implantación de tecnoloxía LED, e modificarase a rede de saneamento para asegurar unha drenaxe adecuada.

A empresa Ovisa será a encargada de executar as obras, que contan cun orzamento de 183.557 euros e un prazo de execución de tres meses.

⚙ Configurar cookies
0.072474956512451