O Concello instala bancos intelixentes que proporcionan información sobre a calidade ambiental

LugoXa
O Goberno de Lara Méndez instala bancos intelixentes con wifi esensores que proporcionan información sobre a calidade ambiental
28 Xul 2022

O Goberno de Lara Méndez segue a avanzar no seu proxecto de smart city coa adquisición de bancos intelixentes dotados con punto de acceso wifi gratuíto e sensores que proporcionan información sobre a calidade ambiental, ofrecendo, ao mesmo tempo, aos cidadáns a posibilidade de recargar bicicletas eléctricas, así como diferentes dispositivos como teléfonos ou tablets.

“Este novo mobiliario urbano estará situado no marco da nova senda verde ciclista de Lugo”, explicou a rexedora, quen subliñou que “a súa instalación comezou o pasado venres e actualmente estanse a configurar para que proximamente poidan entrar en funcionamento e, deste xeito, poñelos a disposición de toda a cidadanía”.

Lara Méndez explicou que “o seu uso será moi doado e intuitivo e contarán, ademais, cunhas instruccións accesibles a través dun código QR en varios idiomas, entre eles o castelán”. Os bancos dispoñen así mesmo dun aparcabicis por cada lateral.

Nestes momentos, xa se atopan instalados catro bancos, diante do instituto Leiras Pulpeiro, na rúa Orquídea; fronte ao Mercadona da Fonte dos Ranchos; na beirarrúa dereita da Rolda do Carmen (en sentido Fonte dos Ranchos); á altura do cruce do Camiño Primitivo (onde se sitúa o paso de peóns intelixente); e na parte alta da rúa Santiago, preto da Rolda da Muralla. Máis adiante, instalarase un quinto no Paseo do Miño, na zona próxima á ponte romana.

Os bancos, dotados con paneis solares, contan con sensores de temperatura, humidade e presión; luz ambiental LED; portos de recarga de dispositivos electrónicos, a través de cable e tamén de forma inalámbrica, entre outras especificacións. Ademais, disporán dun compresor de aire, para o inflado de rodas, e un kit básico de ferramentas para o arranxo de bicicletas.

Esta iniciativa enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada ao 80% polo Feder, cuxo obxectivo é mellorar as conexións entre a cidade e o Miño.

0.14987301826477