O Concello intensifica a limpeza de pintadas

LugoXa
A Concellería de Medio Ambiente está a realizar un intenso labor de limpeza das pintadas en rúas, fachadas e mobiliario urbano da cidade, “actos de vandalismo e feísmo que nada teñen que ver coa arte urbana, que si estamos a potenciar, e que supón un dano á imaxe de Lugo, así como un alto custo económico para as arcas municipais”, sostén o edil responsable, Miguel Fernández.
16 Jan 2023

A Concellería de Medio Ambiente está a realizar un intenso labor de limpeza das pintadas en rúas, fachadas e mobiliario urbano da cidade, “actos de vandalismo e feísmo que nada teñen que ver coa arte urbana, que si estamos a potenciar, e que supón un dano á imaxe de Lugo, así como un alto custo económico para as arcas municipais”, sostén o edil responsable, Miguel Fernández.

Tan só no 2022, a Administración local gastou preto de 37.000 euros na eliminación de pintadas, e dedicáronse 245 días a estes traballos, polo que o concelleiro apela ao civismo da cidadanía porque “o coidado de Lugo nos incumbe a todos”, e pide que se actúe “co máximo respecto e apego pola cidade”.

Fernández denuncia o aumento deste tipo de actos, aos que a concellería está a realizar un seguimento coa Policía, “polo que se a veciñanza ten algunha idea sobre a autoría, pedímoslle que nola faga saber”.  “Moitas das pintadas levan a mesma firma”, indica o concelleiro, que lembra que estas accións que danan e deslocen os bens públicos e privados constitúen unha infracción e levan aparelladas sancións de ata 600 euros.

Nas pintadas en bens públicos se pode actuar con maior rapidez, sinala o edil. Cando son en edificios e vivendas privadas debe primeiro solicitalo a propiedade ao Concello e é un procedemento máis lento; a única excepción é o Centro Histórico, onde se suprimen de forma periódica tres veces ao ano, independentemente de que o pidan ou non.

Neste senso, o concelleiro lembra que existe a disposición da cidadanía un servizo gratuíto de limpeza de fachadas, que atendeu 118 demandas co fin de manter unha imaxe pulcra da cidade.

Para mellorar o borrado, o novo servizo de limpeza da cidade, LuceLugo, incorporará en breve maquinaria con vapor, que permitirá maior axilidade e un mellor lavado.

Fronte ao feísmo e as pintadas indiscriminadas, a alcaldesa, Lara Méndez, tamén lle deu un importante impulso a arte urbana en Lugo nos dous últimos mandatos, seguindo accións e programas iniciados no 2009, e que nestes últimos anos non so embeleceron os distintos barrios senón que elevaron á cidade a icona mundial con obras como o graffiti de Julio César, elaborado polo lucense Diego As, que foi recoñecido como o mellor do mundo no 2021 pola comunidade Street Art Cities.

Ademais dos numerosos murais que destacan na cidade, o concelleiro puxo en valor o proxecto de peonalización e muralismo da rúa do Esquecemento, onde os mellores graffiteiros se sumaron ao Concello a través do programa social Urban Cores para non só darlle personalidade propia a esta zona, senón tamén para axudar a formar a mozos e mozas en situación de vulnerabilidade.

“A convivencia veciñal baséase en valores como a solidariedade, a responsabilidade mutua e a cooperación. Todos temos dereitos e deberes e é moi importante que transmitamos bos hábitos e costumes para garantir a convivencia de hoxe e a de mañá”, destaca Miguel Fernández.

Para solicitar o servizo de limpeza de pintadas é necesario cubrir este impreso que figura na ligazón da web do  concello debendo achegar a solicitude debidamente cumprimentada e a documentación acreditativa da propiedade ou representación da comunidade de veciños do edificio.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18353605270386