O Concello lanza un novo programa de formación en emprendemento dirixido por primeira vez só a persoas desempregadas
O Concello de Lugo abriu as inscricións para o novo programa de formación e asesoramento dirixido por primeira vez só a persoas desempregadas para que poidan poñer en marcha os seus propios proxectos empresariais.
Trátase do programa Back2Work, que a concellería de Desenvolvemento Local e Emprego organiza en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e co financiamento do Fondo Social Europeo (FSE), de xeito que será totalmente gratuíto para os e as participantes.
Esta iniciativa vén a complementar o programa Inicia Coworking impulsado dende o executivo municipal ao longo de seis edicións con gran éxito, pois supuxo a xeración de 121 proxectos empresariais, dos que 83 están facturando, e a creación de 219 postos de traballo directos, máis os indirectos.
“Nesta ocasión, queremos centrar os nosos esforzos en xerar novas oportunidades laborais para persoas que se atopan actualmente desempregadas, de modo que ofrecemos formación e asesoramento individualizado, durante tres meses, para acompañar a quenes teñan unha idea de negocio e axudarlles a convertela nun proxecto de futuro”, lembrou a rexedora.
En total haberá 22 prazas dispoñibles. Os interesados poden inscribirse a través da páxina web https://bit.ly/3UaUUkC ou solicitar máis información a través do correo electrónico cwlugo@eoi.es ou no teléfono 982 297 468.
O inicio da docencia está previsto para o mes de outubro. A formación será maioritariamente presencial, a través do Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI Nodus), situado na Avenida da Coruña. Para participar será requisito imprescindible atoparse desempregado e levar un mínimo de 12 meses dos últimos 18 nesta situación.
O equipo docente estará formado por mentores e especialistas que atenderán de maneira individualizada a cada un dos participantes para axudarlles a validar a súa idea de negocio, propiciándolles as claves para optimizar os seus proxectos.