O Concello lugués reúnese coas comisións organizadoras das festas patronais das parroquias

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, está a manter diversas xuntanzas con integrantes das comisións de festas das distintas parroquias de Lugo para comezar a traballar xa na colaboración da área de Cultura con estas actividades que se celebran ao longo de todo o ano. Ferreiro afirmou que os barrios contarán con grupos de música de todos os estilos.
"Desde a área de Cultura encargarémonos de pagar a agrupación, facilitando achegar a cultura ás parroquias e a todos os barrios da cidade", afirmou Maite Ferreiro, que engadiu "ampliarase a oferta de agrupacións dispoñibles e realizarase unha mellor xestión do diñeiro público".
A Área de Cultura, ten reservados 20.000 euros no seu orzamento para as festas das parroquias e dos barrios. As solicitudes deben ser feitas ante a Área de Cultura por integrantes das diferentes comisións ou asociacións que organicen as festas. A área de Cultura achegará de un grupo de música, tras a correspondente avaliación da solicitude, para as festas de cada unha das parroquias ou barrios.
O Goberno de Lugo apoia a todas as agrupacións musicais de Lugo, incluíndoa en todas as actividades culturais e organizando ciclos exclusivos para as agrupacións locais como o Muralleando.