O Concello pide a cesión da rúa Fermín Rivera

LugoXa
O traspaso posibilitará unha actuación máis áxil dos servizos municipais sobre o mantemento das dotacións públicas e a ordenación do tráfico.
lara mendez
14 Maio 2021

O executivo de Lara Méndez vén de solicitar á Deputación Provincial a cesión da estrada LU-P-2911, coincidente coa rúa Fermín Rivera, para a súa integración no viario urbano, dando así resposta a unha reivindicación da veciñanza da zona e das persoas que frecuentan a contorna e o Club Fluvial. 

Unha operación que a rexedora enmarcou “dentro da relación de diálogo e colaboración permanente que mantemos as dúas administracións, a prol do interese xeral e acorde as liñas de actuación fixadas por este goberno cara o crecemento sostible e integrador que deseñamos para Lugo”. 

A alcaldesa referiu así, que, dada a escasa lonxitude da vía (703 metros) e a súa cualificación urbanística (solo urbano), así como polo feito de que as dotacións públicas das que dispón sexan xa de titularidade municipal (iluminación, abastecemento, etc), “consideramos oportuno e conveniente a solicitude da súa transferencia a favor da institución local, co fin de permitir unha xestión máis áxil da mesma por parte dos servizos municipais”. 

Lara Méndez subliñou, igualmente, que a presenza nesta estrada da Igrexa de San Lázaro e do Club Fluvial propicia un importante nivel de tráfico, netamente de tipo urbano, motivado polo uso residencial pero tamén vencellado ao desenvolvemento de actividades sociais, deportivas e de recreo que propician estas instalacións, “o que redunda no interese da xestión da mobilidade peonil e da circulación rodada en favor do Concello”, apuntou a rexedora. 

O treito do que será obxecto a cesión consta dunha lonxitude de 703 metros e trátase dunha estrada convencional, nun tramo de travesía cun carril por sentido de circulación, cunha intersección intermedia coa Rúa Vella da Ponte e con diversos accesos a vivendas. Dispón ademais de beirarrúas descontinuas nas zonas máis anchas, nunha ou nas dúas marxes e, dependendo da zona, conta alén cunha liña de estacionamento. 

O seu estado de conservación é bo, en termos xerais e segundo a avaliación técnica realizada, mantendo todas as súas dotacións viarias (elementos de sinalización, balizamento e defensas) en condicións axeitadas, tendo en conta, alén, que a finais do ano 2018 a Deputación executou un reforzo do firme da calzada, acondicionándoa por completo. Unha intervención que redunda, á súa vez, nunha diminución dos custos de mantemento. 

Precisamente a alcaldesa abordou xa coa directiva da entidade deportiva a situación na que se atopa o procedemento que, unha vez rematado, permitirá desenvolver con maior dilixencia iniciativas de investimento local ao simplificarse a burocracia esixida con respecto ás vías de demarcación provincial.

0.11007118225098