O Concello presenta o proxecto para os barrios da Milagrosa e Feijóo

LugoXa
Proxéctase un gran parque urbano e rehumanizar a Avenida da Coruña, Camiño Real e a Praza de Alacante.
proxecto para camino real
28 Nov 2023

Proxéctase un gran parque urbano e rehumanizar a Avenida da Coruña, Camiño Real e a Praza de Alacante. As catro iniciativas, presentadas forman parte da proposta para declarar como Entorno Residencial de Rehabilitación Programada á Milagrosa e a súa contorna.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer hoxe os resultados do traballo de campo realizado por GAU para poder declarar A Milagrosa e o Barrio Feijoo como ERRP, Entorno Residencial de Rehabilitación Programada.

Unha presentación na que a rexedora estivo acompañada pola concelleira de Sostibilidade Urbana, Paula Alvarellos, a xefa de servizo de Arquitectura, Susana Penedo e tamén un dos redactores da proposta, Alberte González, do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo GAU.

En primeiro termo, a alcaldesa trasladou a información sociolóxica máis relevante vinculada ao estudo destas zonas, así como a información relativa ao parque de vivendas que son susceptibles de mellorar enerxeticamente en todo o ámbito e o número de propietarios que estarían dispostos a realizar obras deste tipo canalizadas a través da obtención de fondos públicos que sufraguen parte do custo deses traballos.

“Alén, este ambicioso proxecto ten outra pata tremendamente importante como é a intervención no espazo público da contorna coa idea de acadar unha transformación e unha rexeneración absoluta destes dous barrios tan emblemáticos da capital para propiciar a súa recuperación urbanística, social e económica a través do impulso municipal”, indicou.

Méndez sostivo que as conclusións obtidas son o resultado dun estudo detallado e pormenorizado que se baseou tanto na realización de visitas presenciais aos domicilios, como na recompilación dos datos dun cuestionario online e na celebración de varias mesas sectoriais protagonizadas polo comercio e a hostalaría pero tamén polo movemento asociativo veciñal, social, recreativo e cultural destes barrios.

A mandataria lucense, sinalou, primeiramente, que “tras este amplo proceso participativo e ante o interese detectado, procedeuse a modificar a delimitación do ERRP que se dividiu en dúas áreas, conectadas a través da intersección que se xera na confluencia da avenida da Coruña coas rúas Menorca e San Lourenzo”.

“De maneira que se amplía a delimitación para o barrio Feijoo, incorporando ao mesmo as illas que deixaban fóra inicialmente edificacións que poderían ser perfectamente obxecto de rehabilitación e aumentando tamén o ámbito na contorna da rúa Perpetuo Socorro, usando en todo o seu trazado a marxe esquerda da Avenida da Coruña por entender que todas as edificacións situadas neste lado forman parte do barrio, xa que moitas delas teñen fachada tamén á rúa Luís Seoane. Incorpóranse, así mesmo, as rúas Mallorca e Menorca vinculadas ao barrio dende o seu nacemento. Mentres que o resto do trazado mantense basicamente como figuraba na proposta inicial”, relatou.

Así, os límites aproximados das dúas zonas serían:

** Para o barrio da Milagrosa: a Avenida da Coruña polo nordeste, a rúa Río Navia polo suroeste, a rúa Concepción Arenal (paralela á Rolda da Muralla) polo sur e o vértice onde se unen as rúas Milagrosa e Camiño Real (onde se inicia a rúa Mar Cantábrico) polo norte.

** E para o barrio Feijoo: a rúa río Cabe polo leste; a praza de As Reboiras e o Colexio de Paradai polo norte; as rúas de San Lourenzo, Santo Antonio e Juana Ibarborou polo oeste e a rúa Perpetuo Socorro polo sur.

En total, en todo o ámbito computáronse 1.025 edificios, dos que 931 teñen como uso principal o residencial, o que supón o 90,84%, e tan só 94 figuran adscritos a outras utilidades.

Ao longo da análise realizada visitáronse 86 edificios, dos cales, a propiedade de 69 estaría interesada en realizar melloras nos seus inmobles, alcanzando a un total de 353 vivendas.

A continuación, Lara Méndez aludiu á situación na que se atopan as construcións sobre as que a memoria de Participación Cidadá arroxa detalles moi significativos.

“Por unha banda, en relación ás características dos residentes, constátase que a duración media de residencia é significativa e suxire unha comunidade estable e arraigada e tamén a existencia dun fluxo constante e dun crecemento poboacional sostido”.

“Xa en canto á antigüidade das vivendas, os resultados arroxan que o 34% delas teñen máis de 50 anos, mentres que o 26% ten menos de 30 anos, o que, na práctica, deriva nunha mestura de tipos de edificacións en canto a período de construción, materiais e servizos que ofrecen”.

“Igualmente, detéctase ademais pouca presenza de actividade comercial local que satisfaga as necesidades da poboación residente”, resumiu Méndez.

Segundo a rexedora, esta é unha circunstancia que se corrobora tamén nas ideas recollidas nesas mesas sectoriais antes mencionadas, con respecto ao peche de locais e a escasa apertura de novos establecementos.

Así mesmo, neste parque inmobiliario manifestáronse deficiencias en materia de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e a necesidade de mellorar tamén as dotacións e o espazo público para facelo máis inclusivo, incrementando o número de prazas de aparcadoiro.

Sobre as características arquitectónicas, os principais problemas que presentan os edificios son, por unha banda, a urxencia para atender inquietudes relacionadas con teitos, instalación de auga e saneamento, e acabados exteriores ou carpintaría de edificios pero tamén mellorar as condicións de habitabilidade dos inmobles, favorecendo a transición enerxética, a calidade de vida das e dos residentes e garantir a sustentabilidade e durabilidade das edificacións, polo que considera prioritario substituír as placas de fibrocemento das fachadas e as xanelas de aluminio por outros materiais máis sostibles.

E, noutra orde de aspectos, corroborouse un predominio de vivendas en propiedade fronte ás de aluguer, cuxa renda oscila entre os 300 e os 600 euros mensuais, o que supón un esforzo importante para as familias.

“Á vista de todos estes factores, as principais intervencións que se considera necesario acometer serían, en primeiro lugar, a implementación de medidas de aforro enerxético, para o que existe unha ampla aceptación de intervencións de mellora se estas poden ser subsidiadas, xa que existe un escaso volume de persoas capaces de asumir obras con importes superiores aos 6.000 euros. E aquí atopámonos co desafío de habilitar alternativas de cofinanciamento que contrarresten esta situación, xa que o custo total estimado destas actuacións de rehabilitación enerxética ascendería a 8.873.261 euros para esas 353 vivendas”, explicou Lara Méndez.

A rexedora incidiu en que este sería, moi condensado, o resumo da vertente privada do ERRP, “porén analizáronse tamén outros aspectos relacionados coa convivencia e a comodidade destes barrios cos que se demostra unha clara preferencia por mercar neles, aínda que as compras realízanse na maioría dos casos en grandes supermercados; que a maior parte dos desprazamentos non superan os 2 km, xa sexa a pé ou en vehículo propio e que se considera conveniente regular o estado das zonas verdes e do espazo público para favorecer un maior tempo de permanencia nos mesmos”, puntualizou.

As respostas obtidas sinalan, alén, unha demanda cidadá de máis áreas de estacionamento, espazos de xogo, beirarrúas e rúas peonalizadas, así como a necesidade de crear unha contorna urbana máis accesible, segura e amigable para as e os residentes.

E se ben, a tensión social percíbese como un elemento negativo nestes barrios, a súa localización preto do Centro Histórico valórase como moi positiva.

“Todos estes parámetros foron tidos en conta polos deseñadores da proposta e sérvennos, agora, como preámbulo desa segunda pata do proxecto que é a da intervención nos espazos públicos”, aclarou a alcaldesa.

As catro intervencións proxectadas no espazo público superan os 10 millóns de euros

A rexedora indicou que, “a este respecto, se recollen catro actuacións moi concretas coas que se persegue o obxectivo de acompañar a rehabilitación do patrimonio edificado con outras accións moito máis ambiciosas que redunden nunha rexeneración urbana integral da Milagrosa e o barrio Feijoo”.

“Actuacións que van encamiñadas, por exemplo, a crear itinerarios peonís - ou de preferencia peonil - que comuniquen esta parte da cidade co recinto amurallado, pero que tamén articulan directrices de transformación que inclúen criterios de mantemento e xestión cun alcance estratéxico, xa que algunhas delas abren a posibilidade de intervir nun patio de mazá coa finalidade de recuperalo para o espazo público”.

Méndez fixo fincapé en que se trata de propostas presentadas polo equipo redactor “e que desde o Goberno local incorporamos como unha declaración de intencións que, posteriormente deseñaranse e se irán concretando tendo en conta a opinión do tecido veciñal, asociativo e comercial destes barrios a través dun novo procedemento de participación pública”.

“Iso si, todas as propostas que se fixeron e que se desenvolverán posteriormente, farano baseándose no Catálogo de Solucións de Deseño Urbano GUDLUGO, que promovemos desde o Concello dentro da estratexia Life Lugo+Biodinámico e en consonancia con outros documentos tan esenciais como son o Plan de Mobilidade da Cidade (o PMUS) ou o Proxecto de Promoción da Bicicleta”, afirmou.

Documentos dunha gran solvencia técnica contrastada que enmarcan o seu campo de acción na cidade como algo global, o que garante a viabilidade técnica destas propostas no contexto urbano.

Creación dunha gran zona verde do barrio Feijóo

Levaría aparellada a expropiación de varios terreos e permitiría recualificar con ela a área reducindo a densidade edificatoria á vez que se mellora a paisaxe urbana.

Sería unha zona axardinada, un ecosistema verde urbano, cuxa extensión abranguería unha parte moi importante do barrio, que permitiría contar cunha nova e necesaria zona de convivencia integrada por áreas de estancia, xogo, exercicio, todas elas moi soladas, grazas á altura das edificacións, moito máis baixas e menos encaixadas que na Milagrosa.

“Isto permitiríanos crear un gran parque urbano pero tamén itinerarios peonís, entre eles un camiño escolar seguro, contando cun sombreado estacional dos espazos libres grazas á presenza de árbores de folla caduca e que, ademais, se podería combinar coa existencia de hortos. Proponse, ademais empregar pavimento de material reciclado e reaproveitar os residuos verdes que se xeren neses hortos e xardíns”, debullou a alcaldesa.

Humanización e renaturalización da Avenida da Coruña

A rexedora avanzou que a idea do Goberno local era moi clara respecto desta iniciativa, “establecéndose xa nos pregos a necesidade de crear unha senda peonil que servise de conexión do conxunto do barrio co Centro Histórico, a modo de bulevar ou corredor verde”.

“A súa conversión nun bulevar é algo que xa anunciamos hai tempo pero que, como sabedes, precisaba do desdobramento de Duquesa de Lugo, cuxa última fase se acometerá proximamente”, trasladou Méndez ao tempo que aclarou que “a proposta do Gabinete GAU non deixa de ser iso, unha alternativa que se deseñará formalmente de xeito posterior, polo que o que se traslada a continuación, son recomendacións”.

A suxestión ofrecida tivo en conta para a súa definición as indicacións que recolle o Plan de Mobilidade onde se mantén o tráfico de vehículos, pero soamente de «saída da cidade». Mentres que, en sentido «entrada á cidade», haberá tráfico de autobuses e vehículos de residentes e servizos e disporá dun carril de bicicletas segregado.

Debido a que a Avenida da Coruña presenta seccións con diferente ancho, fíxose necesario expor diferentes seccións tipo. Ademais, proponse que o funcionamento da Avenida sexa diferente no tramo máis próximo á Rolda da Muralla, de xeito que os vehículos de paso que veñan pola Avenida da Coruña - en sentido centro da cidade - desviaríanse pola rúa Tino Grandío, que segue sendo unha vía da rede básica e que ten sentido oeste.

Así, o tramo entre a rúa Tino Grandío e a Rolda da Muralla contaría cunha calzada para vehículos de paso que saian da cidade en sentido norte mentres que, pola contra, en sentido sur cara ao centro da cidade, soamente poderían acceder vehículos de residentes e servizos.

Esta diferenza faríase patente mediante o uso dun pavimento distinto e dunha plataforma única de coexistencia de tráficos peonil, dos vehículos de residentes e servizos, de autobuses e de bicicletas.

O obxectivo de crear esta zona de coexistencia é darlle continuidade ás que xa se prevén na Rolda e no interior da zona amurallada que están en execución. E xa a partir da rúa Tino Grandío, cara ao norte, como a Avenida da Coruña ten un ancho maior, permitiría crear unha sección tipo con carril bici segregado e un carril de entrada para autobuses e vehículos de residentes e servizos.

“O fundamental é que a súa configuración cambiará notablemente, pasando a ser unha rúa arborada, xa que se contempla a plantación de numerosos exemplares no centro, favorecendo un itinerario verde continuo, tamén con sendas peonís e, de novo, cun camiño escolar seguro e, por tanto, ofrecendo rúas saudables onde se reduce drasticamente o tráfico e a súa velocidade gañando espazo tanto para peóns como para ciclistas”, describíu a mandataria lucense.

Rehumanización e mellora de Camiño Real

Manterase como vía básica sen carril bici até a intersección con García Abad e, a partir de aí, transformarase nunha rúa interior de supermazá.

Esta actuación non suporía un impacto significativo sobre o tráfico rodado, xa que a circulación de paso que entra pola Avenida da Coruña desviaríase pola rúa Tino Grandío cara o oeste e a que continuaría por Camiño Real cara á Muralla será xa soamente local e de servizos, porque inmediatamente se atopará co tramo peonil de Camiño Real e coa zona peonil do Centro Histórico.

Ademais, este tramo de coexistencia permitiría dar continuidade ao itinerario que está previsto executar e que discorre pola rúa Milagrosa e Pintor Luís Seoane, xa executado.

“O obxectivo desta transformación sería crear unha zona de coexistencia con prioridade peonil na que se obrigue a reducir a velocidade dos vehículos, por exemplo, mediante a creación de itinerarios en zig-zag. Manteríase o espazo para a carga e descarga, pero gañando espazo para as persoas ao eliminar o almacenamento de automóbiles”, relatou.

No resto da rúa Camiño Real podería manterse o tráfico rodado de entrada, pero aumentando o espazo peonil, transformando en plataforma única paulatinamente os tramos máis afastados da Muralla.

Rehumanización e mellora da Praza de Alacante e a rúa Río Navia

Actualmente, estes dous barrios contan con moi poucas zonas verdes. Incluso os espazos libres existentes, como a praza da Milagrosa ou a praza de Alacante, non contan con zonas axardinadas de entidade que supoñan un beneficio substancial para estas localizacións.

Por iso, exponse a súa transformación para convertela nunha zona predominantemente verde e permeable, que permita a entrada de vehículos a residentes e de servizos polo bordo da praza, mentres que a zona central converteríase nunha zona de estancia con sombra.

Doutra banda, a T formada polas rúas Río Navia desde a rúa Río Ser e a rúa Unidade , así como a rúa Río Mera, unha vez modificada a Praza de Alacante, poderán transformarse tamén co mesmo obxectivo, xa que se trata de vías interiores nas que o tráfico que circula é moi reducido.

“A proposta que nos achega GAU consiste en darlles un tratamento similar ao que se propón para Camiño Real e convertelas en rúas de plataforma única, aumentando a superficie permeable. Estas actuacións permitirán dotar ao barrio dunha superficie peonil e verde nunha zona que adoece deste tipo de dotacións”.

A rexedora sintetizou que “o custo conxunto estimado destes proxectos é de 10.730.707 euros, mentres que o das expropiacións que recolle o primeiro proxecto, ascenderían a outros 8.445.957 euros. É dicir, case 20 millóns de euros (19.176.664 €) que serán un revulsivo tanto para a Milagrosa como para o barrio Feijóo tal e como agora coñecémolos”.

Lara Méndez informou igualmente de que, se nos estudos previos que será necesario realizar se determina que é necesario manter prazas de estacionamento na contorna, exponse incluír un aparcadoiro subterráneo baixo esta nova zona peonil, ocupando todas as rúas citadas anteriormente, de forma que o aparcadoiro teña accesos desde Lamas de Prado, Río Navia e Río Ser. Todo iso en completo acordo coas previsións do Plan de mobilidade de Lugo.

“Este aparcadoiro subterráneo podería funcionar non só como aparcadoiro senón como centro de distribución de mercadorías para o barrio, cunha capacidade estimada de 140 prazas por planta”.

A rexedora subliñou que “o proxecto elaborado por GAU inclúe tamén outras accións en rúas interiores para transformar os espazos existentes a través da mellora dos seus elementos de urbanización, por exemplo a través da ampliación das beirarrúas. Co condicionante de que no barrio Feijóo será posible adoptar solucións máis radicais de eliminación de tráfico e de creación de rúas residenciais, xa que a intensidade de tráfico tanto de vehículos como peonil é moito menor”.

Doutra banda, indicou, os dous barrios teñen en común a existencia de patios interiores con diferentes usos e, mentres nalgúns casos estes albergan naves en planta baixa, ben baleiras ou ben ocupadas por negocios ou garaxes, noutros moitos trátase de lugares abandonados, con maleza.

“A maioría son de pequeno tamaño e irregulares, pero outros teñen unhas características que permiten pensar en darlles un uso diferente ao actual, xa como espazo público, xa como zona de aparcadoiro alternativo á rúa”.

“E naqueles patios que sexan de maiores dimensións, ou que polas características dos edificios que os rodean permitan acometer actuacións máis ambiciosas, expóñense solucións que doten á zona de espazos públicos, zonas verdes ou aparcadoiros alternativos”.

Neste sentido, apuntou que o estudo propón acometer dúas actuacións, unha en cada barrio. No caso da Milagrosa un emprazamento posible sería o patio de mazá situado entre as rúas Camiño Real, Xulia Minguillón e Yáñez Rebolo.

“A creación destes espazos permitiría o uso por parte do público e dos negocios situados nos baixos dos edificios e podería facilitar tamén a instalación dalgunha dotación que xerase unha actividade diferente á comercial ou de hostalaría”.

Xa para concluír, con relación ás fórmulas de execución e xestión das actuacións, Méndez sinalou que as máis significativas e determinantes do programa - as de rehabilitación enerxética dos edificios de vivendas e que son obxecto das axudas en materia de rehabilitación residencial do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - executaríanse pola iniciativa privada como é lóxico. A súa xestión directa corresponde a cada propietario ou comunidade.

“Estas actuacións privadas só dispoñen das axudas definidas no RD 853/21, aínda que se contempla a posibilidade de mediar coas entidades bancarias para habilitar mecanismos que favorezan o investimento”, anunciou.

“Mentres que para as intervencións de orde pública buscaremos vías de financiamento compatibles xa que a porcentaxe que se pode cubrir con cargo a es3s fondos é só do 15% do proxectado, o que suporía 1.038.561 euros dos máis 10 millóns nos que se estimou o seu custo”.

Doutra banda, apuntou que na proposta presentada non se considera a necesidade de reacoller temporalmente a ningún habitante do ámbito polo que non se prevé necesario articular medidas sociais complementarias previstas para a poboación afectada.

“Son, por tanto, actuacións de gran calado que converterán estes barrios nun foco de atracción de xente moza e familias, un paso máis na transformación da cidade cara o modelo sostible no que levo traballando dende que son alcaldesa”, concluíu Lara Méndez.

Tramitación Administrativa

Pola súa parte, a tenente de alcaldesa e concelleira de Sostibilidade Urbana, Paula Alvarellos, referiu que, logo de que o Gabinete de Arquitectura e Urbanismo, GAU, entregase o pasado venres esta documentación, a mesma está sendo avaliada agora polos servizos de Arquitectura e Fomento co obxectivo de darlle o visto bo a todas as propostas.

“Cómpre destacar que foron varios os encontros mantidos entre o Gabinete e o persoal municipal, e tamén político, para ir acompasando o deseño das actuacións previstas cos requirimentos técnicos e tamén coas liñas de actuación deseñadas polo Goberno local, a fin de levar a bo porto e no menor tempo posible a elaboración da memoria”, apuntou a edil.

A este respecto, Alvarellos Fondo agradeceu e felicitou “a uns e a outros polo traballo realizado, minucioso e pormenorizado, froito dunha escoita activa e de moitas visitas presenciais que se habilitaron a través do mecanismo de participación cidadá que artellamos dende o Concello”.

“Unha maneira de proceder que estará presente tamén, como xa indicou a rexedora, na continuidade que poidan ter estes proxectos, cuxo deseño definitivo terá en conta as opinións do tecido asociativo e comercial e das persoas residentes nos barrios”.

A responsable de área avanzou que a este paso se chegará despois de aprobar en Xunta de Goberno a solicitude de declaración de ERRP para toda esta contorna e de trasladarlla á Xunta de Galicia para que o autorice.

“A partir dese momento abrirase xa o camiño para concorrer ás diferentes subvencións coas que a nivel particular as persoas interesadas en rehabilitar as súas vivendas obteñan fondos para acometer esas melloras e, dende o ámbito público, nos permita nutrirnos de recursos suficientes para poder levar a cabo con axilidade as propostas hoxe explicadas”, finalizou Paula Alvarellos.

Doutra banda, Alberte González puxo en valor a ambición dos pregos técnicos que deron soporte ao traballo realizado por GAU “unhas bases que van máis aló dos aspectos que recolle o propio Real Decreto sobre rehabilitación de vivenda e que dan conta da actuación decidida do Goberno local por rexenerar dunha forma integral estes barrios”.

González subliñou, así mesmo o feito de poder empregar, nesta memoria, “unha sinerxía instrumental, resultado do labor realizado durante moitos anos polo Gabinete de Arquitectura nas diferentes colaboracións que mantivemos co Concello de Lugo, o que nos permitiu ofrecer un proxecto que mantén unha visión harmónica e que comparte obxectivos co modelo de cidade que segue Lugo”, sostivo.

proxecto barrio feijoo
parking praza alacante

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19578003883362