O Concello rebaixa a temperatura das Caldas do Miño

LugoXa
O Concello de Lugo rebaixa a temperatura das Caldas do Miño ata os 30 graos por requerimento da Xunta de Galicia
caldas LUgo
12 Abr 2023

O Concello de Lugo rebaixa a temperatura das Caldas do Miño ata os 30 graos tras "o cambio de criterio da Xunta de Galicia, que primeiro valorou favorablemente tanto o anteproxecto como o proxecto presentado polo Concello onde xa se especificaba a temperatura da auga e a continuación, trala súa apertura firma que contravén a normativa sanitaria" segundo informa Miguel Fernández, concelleiro de Medio Ambiente.

Así dende o Concello están a elaborar un informe "onde se expoñen estas contradicións e se argumenta a legalidade da temperatura coa que se concebiron estas termas" e ao mesmo tempo e "para dar maior tranquilidade á poboación e non suscitar dúbidas sobre a garantía e calidade sanitaria das augas, ate que se dirima a disparidade de criterios sobre a temperatura á que deben estar as Caldas, o Concello procedeu a baixalas até os 30 graos porque queremos que a cidadania siga utilizando esta dotación como ata agora coa máxima afluencia".

"Queremos que a cidadanía siga empregando esta nova dotación como ate o de agora, coa máxima afluencia, que o faga convencida de que, a pesar das contradicións nas que incorre a Xunta, de xeito similar ao que fixo coa zona de baño pública no Miño o ano pasado, as instalacións son totalmente seguras para a súa saúde e benestar. Esa é a nosa máxima preocupación e non imos permitir que o boicot permanente á que o Partido Popular, dende as Institucións que dirixe, somete sempre ás e aos lucenses en toda canta infraestrutura municipal se pretenda poñer en marcha na cidade, empañe ou distorsione a gran acollida que as Caldas están a ter entre a veciñanza e as persoas visitantes" engadiu o edil Miguel Fernández.

Pola súa parte a Xunta vén de informar que tras unha inspección nas piscinas comprobaron que o Concello de Lugo cumpriu coa esixencia de rebaixar a temperatura da auga da piscina a 30 graos, adaptándose así ao estipulado no Real Decreto de Piscinas, o que permite a súa vez garantir as condicións hixiénico sanitarias.

En días pasados os inspectores de Saúde Pública constataron que a auga das piscinas estaba a máis de 36 graos de temperatura, algo que só se permite para augas termais ou minerais, no caso de caldas medicinais, ou a 36 graos no caso de hidromasaxes.

0.13192391395569