O Concello reclamará a Transportes o abandono das vías que pasan por Lugo

LugoXa
O concelleiro de Infraestruturas reclama unha actuación urxente nas zonas norleste da cidade, que presentan fochancas, gretas e zonas con firme en estado perigoso
bng-obras-estradas
12 Jul 2025

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, alertou do grave estado de deterioro que presentan varios tramos das vías dependentes do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ao seu paso pola cidade de Lugo, tras a análise técnica realizada polos servizos municipais o pasado 26 de xuño.

“Estas estradas que cruzan Lugo atópanse nun estado lamentable, con fochancas, firme afundido e gretas que fan que circular por elas sexa un risco para condutores”, afirmou Alexandre Penas. “Estamos a falar de vías de competencia estatal, pero son utilizadas a diario por milleiros de lucenses, polo que non imos permitir que o Ministerio mire para outro lado mentres se pon en perigo a seguridade viaria”.

A inspección técnica realizada polo servizo municipal de Enxeñería recolle patoloxías en sete tramos distintos, incluíndo zonas como a saída de Lugo cara Madrid, a Avenida das Américas, a contorna de Garabolos, o acceso á avenida Breogán ou o lugar de Xián. Entre os problemas detectados, indica o concelleiro, “destacan peladuras da capa de rodadura, fochancas sen reparar ou mal reparadas, gretas lonxitudinais e transversais, afundimentos do firme ou arranxos mal executados e zonas con ‘pel de crocodilo’”.

Penas quixo facer referencia aos datos recollidos nun recente estudo da Asociación Española de la Carretera (AEC), que alerta de que o 59 % das estradas galegas presenta un estado grave e require actuacións urxentes, con un déficit acumulado de investimento de máis de 1.125 millóns de euros. “Estes datos confirman o que estamos a vivir en Lugo: unha absoluta falta de mantemento nas vías de titularidade estatal, un problema estrutural que debe abordarse con seriedade e responsabilidade”, afirmou.

“O estado destes viarios é incompatible cunha mobilidade segura e digna para a cidadanía, e o Ministerio de Transportes non pode seguir ignorando Lugo”, reclamou Penas, que anunciou que o Concello trasladará formalmente o informe á Delegación do Goberno e reclamará unha intervención inmediata.

Desde a Tenencia de Alcaldía lembran que as vías de titularidade estatal, como estas, deben ser mantidas polo Ministerio. “O Concello non pode asumir a reparación dunhas estradas que non lle pertencen, pero si pode e debe esixir que se coiden como merecen as e os lucenses”, concluíu Penas.

⚙ Configurar cookies
0.20540618896484