O Concello reparará o afundimento da rotonda de Garabolos

LugoXa
O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas informou dos avances na reparación do afundimento da rotonda de Garabolos
Alexandre Penas
13 Maio 2022

O Concello de Lugo avanza na reparación do afundimento da rotonda de Garabolos. Así o informou hoxe o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, quen asegurou que o Goberno local está a realizar estas obras na glorieta ubicada na intersección da Avenida da Coruña coa Rolda Norte.

Penas explicou que se trata dunha “reparación importante” nunha das vías máis transitadas diariamente “ao tratarse dun dos principais puntos de entrada á cidade, tanto desde a Rolda Norte como desde a N-VI”.

A concellería de Infraestruturas planifica dividir os traballos en varias fases “para tratar de reducir ao máximo as molestias que produce unha obra deste tamaño”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “buscamos evitar un corte total do tráfico rodado nesta rotonda”. A concellería de Infraestruturas executará os traballos durante os meses de verán, dado que se trata da época na que esta vía acolle menos tráfico.

Os traballos consistirán na creación dunha nova placa de formigón e asfalto no percorrido da rotonda, para o que será preciso actuar en gran parte do percorrido da mesma. Alexandre Penas explicou que “é unha actuación importante para Lugo que temos que realizar garantindo sempre que a veciñanza poida seguir circulando pola cidade”.

0.14460206031799