O Concello repartirá entre as familias vulnerables medio millar de entradas doadas polos feirantes
O Concello de Lugo vén de acceder á proposta dos barraquistas para ampliar as Festas do San Froilán ata 14 de outubro.
O recinto, que ía pechar as súas portas o xoves 12, seguirá funcionando até o sábado co compromiso dos barraquistas de minorar os prezos das entradas que, nesas xornadas custarán 2’5 € para as crianzas e 3 € para as persoas adultas, celebrando así o Día do/a Neno/a.
En agradecemento pola medida, unha representación dos feirantes fixo entrega á responsable da área de Cohesión Social, Ana González Abelleira, de medio millar de entradas que dende Benestar se donarán ás familias máis vulnerables da cidade “para que todas as nenas e nenos de Lugo teñan oportunidade de gozar das nosas festas”.
O obxectivo é que “ningún pequeno ou pequena quede sen subir ás atraccións porque para estas familias en situación de dificultade, poder levar aos seus fillos e fillas ás barracas significa moito máis que o propio valor dos tickets”, afirmou a edila.
González Abelleira lembrou que este é xa o terceiro ano no que os empresarios realizan esta doazón “nun xesto de solidariedade que dende o Executivo valoramos tremendamente e que se iniciou en 2021 para agradecer que a alcaldesa, Lara Méndez, lles permitira traballar durante o San Froilán conciliando a dinamización económica da cidade coas limitacións sanitarias que aínda estaban en vigor”.
Un apoio ao sector que se repite ano tras ano, coa ampliación das datas das festas e que “con este aceno altruísta reverte tamén na parte máis feble da sociedade para que a ledicia do San Froilán chegue a todas as persoas independentemente da súa situación económica”, concluíu Ana González Abelleira.