O Concello responde ao estudo de Lugo Monumental sobre os prezos dos aparcadoiros subterráneos
O Executivo local de Lugo deu resposta ó comunicado da asociación Lugo Monumental en relación aos prezos dos aparcamentos subterráneos de Lugo e declarou "o carácter sesgado e tendencioso do estudo" no que afirmaba que a cidade mantén as tarifas de estacionamento soterrado máis onerosas das grandes capitais galegas.
Unha comparativa para a que o presidente desta asociación empregou catro instalacións sinaladas nas que, certeiramente, os prezos eran máis baixos, pero que nin se corresponden coa realidade do conxunto do municipio no que se atopan e que, ademais, na maioría dos casos aínda non contemplan a suba que experimentarán coa aplicación do incremento do IPC (en torno a un 6%) que non entrará en vigor até febreiro, como pode ser o caso de Compostela ou da cidade olívica.
Deste xeito, o Concello de Lugo procedeu a referir os prezos que se abonan durante a primeira hora de estacionamento noutras instalacións céntricas de Vigo e de Santiago, que, xa aínda sen aplicarlles o aumento correspondente ao Índice de Prezos de Consumo, son superiores ás da capital amurallada.
Cifras, sinalou o Goberno local, ás que haberá que engadirlles a partir de febreiro en torno a un 6% máis de prezo, correspondente ao citado IPC de 2023, mentres que as de Lugo, que se sitúan en 2’10 € (se aplica o redondeo á baixa) xa están actualizadas.
“Non resulta, por tanto, axeitada, a distorsión que se intenta crear e que, ante o evidenciado, chega manifestamente viciada e só contribúe a prexudicar o atractivo de Lugo como polo comercial, algo que ademais resulta impropio do presidente dunha asociación de comerciantes que debe defender os seus intereses”.
O Executivo local lembrou alén que os e as usuarias destas instalacións poderán beneficiarse dun 10% de desconto, xa dende o primeiro minuto, se empregan a aplicación informática que puxo a disposición a empresa. “O que aínda diminúe máis o importe por horas e que no caso das tarifas por día, é en cambio, o máis baixo da comunidade xa que non alcanza nin a metade – Praza da Constitución 4’95€/xornada e Praza do Ferrol e Santo Domingo 5’95€/xornada - do máximo permitido que son 16€/día.
O Concello recorda igualmente que a explotación privada dos parkings soterrados data de 1986 cando era alcalde popular Vicente Quiroga, polo que se trata dunha concesión herdada que, no último ano, experimentou unha imporante mellorar coa ampliación do tamaño das prazas, desfasada con relación ás dimensións do parque de automóbiles.
Xa sobre as alegacións que Lugo Monumental presentará ao Decreto que autoriza o incremento das tarifas segundo a imposición legal de actualizar os prezos conforme ao IPC e na que se tivo en conta tamén a compensación á concesionaria polo número de prazas que se perderon na explotación do servizo tralo repintado dos tres parkings públicos, o Goberno Local sinala que analizará a súa viabilidade mentres que, con relación ás vías alternativas que propón a asociación, o Executivo exemplifica de novo co que acontece noutros barrios da capital e no resto de cidades galegas e españolas onde son os colectivos empresariais os que convenian coas empresas que xestionan os aparcamentos os descontos a aplicar aos seus clientes para incentivar as compras.
Dende Lugo Monumental tamén deron resposta a estas declaración por parte do Concello onde declaran que "a asociación realizou a comparativa cos prezos actuais, como non pode ser doutra forma, e obviamente non pode coñecer a posible subida que realizarán (ou non) outros aparcamentos. En calquera caso, non parece razoable acusar de rumbo e presentar datos supostos de futuro, que non son reais para contrastar os que si o son".
Ademais dende a asociación denuncia que "a alcaldesa tamén pretendeu establecer a comparación entre os do centro histórico de Lugo con outros de zonas das demais cidades, o que supón tentar variar os criterios subxetivamente. Lugo Monumental utilizou como referencia os estacionamentos parellos en canto a localización, que parece o razoable".
Con respeto aos dato que en Lugo a estancia por día é máis barata que noutras cidades para Lugo Monumental "ese dato é irrelevante para o usuario que vai de compras ao centro , afectando principalmente a turistas".