O Concello reúnese cos afectados polo desprendemento de terra en Castelo para prestarlles asesoramento técnico
Esta mañá Miguel Fernández mantivo un encontro coas persoas afectadas polo desprendemento de terra ocorrido en Castelo. O edil recibiu en dependencias municipais a unha representación da veciñanza para clarificar a titularidade das parcelas danadas, logo de que se descartase a existencia de bens públicos na zona, e para comunicarlles tamén as conclusións do protocolo elaborado polo Servizo de Enxeñería do Concello.
Fernández, que estivo acompañado polo xefe dese departamento, explicoulles que o criterio técnico aconsellaba, primeiramente, que unha ou un perito avalíe a situación e realice un protocolo de gretas para facer unha análise global da situación.
O responsable de Medio Ambiente deixou manifesta non só a preocupación do Concello polo benestar e a seguridade das persoas residentes nas vivendas comprometidas pola caída da ladeira, senón tamén a súa vontade de colaboración en todo canto estea na man da Administración local.
E nese sentido, avanzou que o Concello estudará asumir a elaboración dun ensaio xeotécnico imprescindible para valorar, entre outros aspectos, a estabilidade do noiro e os riscos que entraña o seu estado actual. “Un documento – abondou – que incluiría tamén as solucións máis acaídas para conter o muro ou as medidas provisionais máis aconsellables”, engadiu Miguel Fernández.
“Tratándose de predios privados o impulso das actuacións debe vir da propiedade pero iso non resta un ápice á nosa vontade de cooperación, con accións de asesoramento técnico e brindando o apoio que precisen”, concluíu o tenente de alcaldesa.