O Concello solicitan á Consellería de Infraestruturas información sobre o proxecto previsto para a Rolda Leste
Dende o Concello de Lugo solicitan á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a información relativa ao proxecto previsto para a Rolda Leste, “unha actuación imprescindible para o noso municipio e que ten tanta demanda social como tempo levamos agardando a que se materialice”, engadiu a rexedora.
A alcaldesa lucense sinalou que “hai, aproximadamente, dúas semanas o Executivo autonómico anunciou a recepción do documento técnico para a supervisión do trazado previsto polo que, en base á lealdade institucional que nos debemos e á transcendencia da obra, solicitamos nos trasladen os datos necesarios – xa que, ata a data, só coñecemos o divulgado polos medios de comunicación - para poder valorar tamén o seu impacto logo de que xurdiran voces contrarias ao mesmo”.
Lara Méndez incidiu no tono conciliador da petición, “que atende á necesidade de materializar canto antes unha dotación que suporá un revulsivo para a canalización do tráfico rodado cara o HULA”.
“Non podemos esquecer que se trata dun hospital que é centro de referencia para toda a provincia e cuxas conexións agardan dende hai máis dunha década para completarse, permitindo liberar a arteria da Avenida de Fontiñas como a vía máis directa dunha gran parte da cidade ás instalacións sanitarias”, engadiu a rexedora.