O Concello solicitará 12 millóns de euros ao MITMA para o Museo da Romanización en San Fernando
O Executivo de Lara Méndez vén de acordar en Xunta de Goberno a aprobación da participación do Concello de Lugo nas axudas do Plan de Recuperación co obxectivo de acadar o financiamento que permita crear o Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, atendendo ao compromiso da rexedora coa cidadanía para recuperar o edificio e converterlo no epicentro da cultura romana do Noroeste Peninsular.
Así, o Concello de Lugo concorrerá ás subvencións convocadas polo MITMA (Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) para a rehabilitación de edificios de titularidade pública co propósito de conseguir un total de 12 millóns de euros cos que sufragar o proxecto, que se desenvolverá en 2 fases de acordo aos requisitos establecidos nas bases da convocatoria estatal, á propia configuración da construción e tamén aos seus futuros usos.
“Dende o primeiro momento do meu mandato asegurei que non renunciariamos a esta actuación porque entendiamos que o Museo e Centro de Investigación da Romanización de Galicia e Noroeste de España debe estar en Lugo, e no Cuartel de San Fernando - aseverou Lara Méndez - non só exercendo un cometido expositivo, senón porque tamén é determinante a súa capacidade como centro de investigación e divulgación e como polo turístico”.
“Trátase dunha das aspiracións municipais de maior calado nesta cidade, apoiada e ratificada por todos os axentes sociais locais e unha iniciativa recorrente na maioría dos procesos de participación que se levan realizando nos últimos anos (Orzamentos Participativos de 2016, Sumando Lugo 2018, etc) que mesmo se ratificou coa creación dunha Plataforma Cidadá – integrada por máis dunha trintena de asociacións - en apoio á causa”.
“Un verdadeiro clamor popular e unha convicción persoal que a Xunta de Galicia, a administración coas competencias en materia de Patrimonio, aparcou primeiro - logo de investir os cartos de todos e todas (221.000 euros) na redacción do proxecto – e agora leva anos desoíndo, ignorando e mesmo rexeitando unha demanda colectiva en sinal de menosprezo non só da vontade xeral senón da riqueza patrimonial, cultural e histórica que posuímos e que estamos desexosos de amosar ao mundo”, afirmou Lara Méndez que tamén aproveitou para aclarar que seguirá insistindo para que o Executivo autonómico, propietario de todos os vestixios que o Concello de Lugo ten en depósito, se sume economicamente a esta iniciativa, cumprindo así co compromiso que adquiriu hai máis dunha década con Lugo.
A alcaldesa avanzou que a rehabilitación deste edificio “non só servirá para satisfacer unha antiga débeda coa cidade, senón para culminar as actuacións, tamén financiadas polo MITMA, de creación de Zonas de Baixas Emisións, abordando á peonalización das rúas circundantes ao edificio de referencia e da Praza na que está ubicado. Polo que, no seu conxunto, a intervención implica completar o fito de peonalizar integramente o Casco Histórico”.
A rexedora lembrou que o Cuartel xa conta cun proxecto de rehabilitación que debe ser actualizado en canto ao orzamento e as medidas de aforro enerxético, xa que debido ao tempo transcorrido, son moitas as alternativas medioambientais que poden aplicarse agora con vistas a alcanzar un aforro, superior ao 30%, deste tipo de consumos.
A alcaldesa lucense enmarcou esta decisión no modelo de cidade que lidera e a través do cal está a abordar a segunda gran transformación do municipio, centrada tamén na recuperación e dinamización económica do concello.
E así recordou que tanto a Mesa pola Diversificación Industrial de Lugo, da que forman parte diferentes organismos públicos e entidades – entre elas a Universidade - como a Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito local e que mobiliza 12 millóns de euros coa constitución dun fondo público emprendedor para captar novos investimentos, teñen na iniciativa do Museo da Romanización unha oportunidade en tanto este será un potente revulsivo para o conxunto do tecido produtivo e cultural local.
“Cómpre, polo tanto, apostar sen fisuras pola valía destas dependencias como o emprazamento máis axeitado. O Cuartel de San Fernando, declarado Ben de Interese Cultural en 2009, será un excelente contedor cultural, con capacidade para acoller todos os vestixios arqueolóxicos (entre os que se inclúen máis de 15.000 pezas), pola súa idoneidade tamén a nivel expositivo, como xoia arquitectónica e arqueolóxica que avalan os resultados das 16 catas que se levaron a cabo nel e tamén polo seu potencial como sede investigadora”, referiu a rexedora.
“A decisión adoptada hoxe constata que a nosa postura é inamovible con respecto ao Cuartel. Un obxectivo irrenunciable, de xeito consecuente co investimento feito para a adquisición do inmoble (2’5M €) pero tamén por respecto ao sentir unánime da sociedade luguesa con relación á súa finalidade”, apuntou.
De feito, estes mesmos argumentos foron os que Lara Méndez lle trasladou ao Secretario Xeral de Axenda Urbana do MITMA, David Lucas, durante o encontro mantido a principios deste ano en Madrid, onde o Goberno Central amosou a súa máxima vontade de colaboración.
Unha cooperación que a rexedora, lamenta, non chegue por parte do Executivo autonómico “que leva anos desaparecido nesta causa e ao que só vemos entrar en contradiccións propias, intentando condicionar as políticas culturais locais para servir a intereses partidistas ou particulares”.
A rexedora reafirmouse na súa vontade de “traballar para queLugo non perda a oportunidade de protexer a enorme riqueza do seu patrimonio e tampouco de situarse como centro referenciado de atracción dun turismo cultural de calidade, o que impulsaría, asemade, a nosa dinamización económica, más necesaria que nunca nesta recuperación da postpandemia e, especialmente, cando vimos de acadar a designación como Capital Cultural do Eixo Atlántico en 2023 e cando estamos a traballar na creación de redes turísticas culturais galegas e nacionais- como a Rede Hispania Romana que naceu este ano en Fitur para impulsar os destinos turísticos baseados nese patrimonio - nas que o Museo en San Fernando será clave para apuntalar este obxectivo”, concluíu.
Lugo: un basto patrimonio arqueolóxico disperso polo territorio e aloxado nunha ducia de instalacións e numerosas vivendas particulares.
O patrimonio arqueolóxico lucense, da que é propietaria a Xunta de Galicia, está composto por máis de 15.000 pezas, dispersas entre unha ducia de instalacións públicas, de titularidade local, provincial e autonómica así como en numerosos domicilios privados de arqueólogo/as.
Dende o ano 1986 e ata aproximadamente 1993, o Concello foi depositario dun conxunto de materiais arqueolóxicos procedentes das escavacións realizadas na cidade, que actualmente se atopan distribuídas en diferentes centros.
Só o Vello Cárcere acolle 1200 caixas con material diverso como cerámica, bronces, vidros, moedas, etc. Pero nos baixos da Casa da Xuventude hai polo menos 221 elementos líticos, entre muíños, basas/fustes de columnas e outros, así como un número indeterminado de ladrillos/tellas romanas e o almacén de Frigsa contén outros 100 obxectos máis.
Un compendio ao que cómpre engadir as 232 pezas que figuran en exposición na S.E Porta Miñá, 22 máis no C.A. San Roque, outras 9 na Casa dos Mosaicos e 13 no MIHL, así como nos xardíns da Praza do Campo Castelo onde se encontran 9 pezas líticas como sillares de acueducto, basas/fuste de columna ou escudos heráldicos.
Alén dos restos procedentes dasúltimas escavacións realizadas no termo municipal e que se atopan repartidos polo Museo Histórico Provincial, no Castro de Viladonga e no Balneario, así como nos domicilios de arqueólogo/as que, a título particular, ofreceron as súas vivendas para albergalos.
Vestixios que precisan dun inventariado rigoroso e dun lugar de referencia para o seu estudo e exposición xa que a súa ausencia está a dificultar a conservación dos xacementos, así como o desenvolvemento de actividades divulgativas, educativas e turísticas que esixen centralizar e unificar nun mesmo espazo o seu almacenamento e salvagarda.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, referiu xa noutras ocasións que todos os Museos da Romanización de España se ubican, precisamente, nos Cascos Históricos porque a propia contorna é un valor engadido das instalacións, como é o caso do Museo Nacional de Arte Romana, que se integra dentro do Conxunto Arqueolóxico da cidade de Mérida; do Museo da Romanización que custodia os fondos de arqueoloxía romana do Museo da Rioxa e do Concello de Calahorra, ubicado nun palacete modernista construído na década dos 30 do século XX, en pleno centro histórico do municipio.