O Concello soluciona o fallo da calefacción da escola infantil Gregorio Sanz con radiadores

LugoXa
A Tenencia de Alcaldía vén de dar solución cun novo sistema de calefacción aos problemas detectados na caldeira Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz, en Fontiñas.
25 Out 2023

A Tenencia de Alcaldía vén de dar solución cun novo sistema de calefacción aos problemas detectados na caldeira Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz, en Fontiñas. Instaláronse unha serie de radiadores eléctricos que garantirán que esta escola manteña unha temperatura axeitada en todas as dependencias agora que comeza a época de frío, resolvendo o problema coa maior rapidez posible ante o comezo da época de baixas temperaturas, ao terse comunicado onte o fallo no sistema de calefacción. Con isto, o goberno de Lugo atende ás necesidades do centro, garantindo o benestar do persoal e das nenas e nenos usuarias da escola. A Tenencia de Alcaldía habilitou esta medida debido á falta de subministro de repostos para a caldeira da instalación, de xeito temporal, para garantir o benestar das persoas nesta instalación.

No último ano esta escola xa foi obxecto de melloras, realizando traballos de mantemento na soleira do patio exterior e no recubrimento de elementos verticais cun material anti-impactos de última xeración. Ademais, recubríronse as zonas de xogo situadas no espazo exterior e tratouse a zona transición para evitar a presenza de raios ultra violeta no interior.

Con esta serie de actuacións mellorouse a estancia das crianzas e do persoal no centro, realizando un investimento de preto de 5.000 euros. Os traballos de mellora das instalacións supuxeron a superación de carencias que o edificio arrastraba dende épocas próximas a súa construción.

A rede de escolas infantís municipais conta con catro instalacións repartidas polas distintas zonas da cidade. Ademais da escola de Fontiñas, existen instalacións municipais no Castiñeiro (EIM Serra de Outes), en San Fiz (EIM Luís Soto Menor) e na Piringalla (EIM María Wonenburger).

0.10080003738403