O Concello soterrará as Liñas de Media Tensión na Louzaneta

LugoXa
Lara Méndez comprométese na Louzaneta a soterrar as Liñas de Media Tensión para avanzar na ordenación dos polígonos
encontro veciñal Louzaneta
14 Dec 2022

O Concello de Lugo comprométese coa veciñanza da Louzaneta para executar no 2023 o soterramento das liñas de media tensión nos tres polígonos que conforman o sector, como forma de poder axudar a dar pasos na súa ordenación que leva moitos anos enquistada; ordenación que se viu, ademais, afectada por cambios normativos.

É obriga das Xuntas de Compensación acometer estas obras pero, ante a falta de avances significativos, o Concello podería executalas directamente, e logo distribuír os custos entre os tres polígonos que conforman o sector.

Así o trasladou a rexedora nunha reunión, onde, acompañada polo coordinador de Urbanismo, asistiron máis de medio cento de residentes, a maior parte do polígono 1, que valoraron de maneira positiva este paso.

Comunicar a todos os polígonos

Así mesmo, e tras a petición dos asistentes, a rexedora acordou realizar un estudo sobre a situación actual na que se atopa a urbanización en cada polígono e, se é necesario no caso de que existan eivas, buscar solucións co fin de que os terreos poidan ser recibidos pola Administración local, previa comprobación de que cumpren co establecido.

A alcaldesa aproveitou o acto, igualmente, para aclarar as diferentes dúbidas que expuxo a cidadanía ao tempo que avanzou que a rolda de contactos continuará nas próximas semanas para comunicar ás Xuntas de Compensación dos tres polígonos residenciais o compromiso do Concello.

0.17549896240234