O Concello de Lugo arranxa a pavimentación dos acceso ao Mihl
O Goberno de Lugo está a executar unha actuación de mellora da pavimentación dos accesos ao MIHL. O edil de Infraestruturas, Alexandre Penas explicou que “realizamos esta intervención debido ao avanzado estado de desgaste que mostra este pavimento, para mellorar a accesibilidade desta instalación cultural que está a acoller unha gran cantidade de actividades e visitantes”.
A solución adoptada pola Concellería de Infraestruturas consiste na pavimentación con formigón impreso dos dous ramais de acceso ao MIHL, desde o parque de Frigsa e desde a Avenida Infanta Elena, cunha lonxitude total de 136 metros. Como paso previo á pavimentación, realizarase unha limpeza do formigón existente e, para mellorar a adherencia, colocaranse conectores con resina a distancias de 1,5 a 2 metros.
Ademais, mellorarase a drenaxe, adaptando os rexistros existentes á nova cota e colocando rexas con canaletas para interceptar as augas que circulen pola zona, que desaugarán na rede municipal de sumidoiros. A intervención ten un orzamento total de 29.015,80€. Alexandre Penas explicou que “esta actuación enmárcase nunha acción de mellora da contorna do MIHL, e que seguirá durante as vindeiras semanas coa mellora da instalación de alumeado público do exterior”.
Animación á lectura
O MIHL está a acoller, entre outros eventos, as actividades de animación á lectura e contacontos, programadas entre os meses de abril e maio. As actividades pretenden achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero.
O ciclo conta cun total de cinco actividades, que comezaron o mércores 14 de abril e continuarán ata o mércores 20 de maio. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.