O concerto de Grande Amore pecha o ciclo Lubicán 2023

LugoXa
Grande Amore presenta este mércores temas do seu último traballo no concerto de peche do ciclo Lubicán de Lugo Cultural
grande amore lugo cultural portada
26 Abr 2023

Grande Amore presentará este mércores 26 de abril novas cancións do que formará parte de II, o seu segundo traballo, no marco dun concerto peche do Lubicán 2023, que comezará ás 21.00 horas. A actuación é de entrada libre e gratuíta, como todas as actividades organizadas ao abeiro do Lugo Cultural, un programa xestionado pola USC e que tamén conta con financiamento da propia institución académica, así como do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

Grande Amore interpretará na súa actuación na capital luguesa un das súas últimas composicións, Pelea. Trátase dun tema no que Grande Amore saca a relucir os demos internos que perseguen a toda unha xeración, o insoportable da situación, e a necesidade constante de rebelarse ante un sistema insostible. Pelea chega tras exitosas colaboracións con artistas e bandas galegas -as últimas, con The Rapants no tema ‘A Vida’, e con Galician Army na versión remix do himno Esta pena que a veces teño- e nun momento no que o seu primeiro longo, Grande Amore (2021), aínda segue cultivando alegrías. “Todos moi guapos, todos moi listos. Pero naide ten piso, naide ten traballo, e dentro de nada vamos ter trinta anos. Por que todo é de broma mentres todo é cada vez máis caro?”

Pelea é revolucionaria. Unha catarse. Grande Amore presenta, con sons punk-rock e arranxos electrónicos, aos demos de toda unha xeración. É rexeneradora, necesaria. Denuncia a situación precaria do panorama actual, e a pelexa interna constante para soportala sabéndose parte. “Parece mentira todas as movidas coas que hai que pelarse todos os días, namais que pa poder seguir aquí, peleando con cen mil movidas”. Contaxia o hastío, as ganas de gritar e a necesidade de cambiar as cousas, porque resultan insostibles, insoportables. Pelea consegue poñerche a bailar a ritmo de incerteza vital.

grande amore lugo cultural
0.10734295845032