O Congreso dos Diputados acolleu un foro sobre o futuro do sector primario en Lugo

O Congreso dos Deputados foi escenario este luns dun coloquio centrado no futuro do sector primario da provincia de Lugo, organizado pola Asociación Más Debate.
O encontro, baixo o título “Sector primario na provincia de Lugo”, reuniu a destacadas figuras do ámbito empresarial e institucional, entre elas Carmen Lence (Grupo Lence), Nuria Varela Portas (Pazo de Vilane), María García Bustos (Campomayor), Xosé Merelles (director de Turismo de Galicia) e Juan Luis Vázquez (Casa de Outeiro).
A vicepresidenta do Congreso, a deputada galega Marta González Vázquez, deu a benvida aos asistentes e salientou a relevancia de celebrar un foro dedicado ao sector primario dunha provincia que concentra o 10 % do emprego neste ámbito, moi por riba da media estatal, e que é unha das principais zonas gandeiras de España.
O encontro estruturouse en dúas mesas de debate. A primeira abordou a transformación produtiva do sector a través da innovación e a segunda centrouse no turismo de calidade. Ambas deron lugar a reflexións comúns sobre cuestións como a necesidade de simplificar a burocracia nas axudas, fomentar a formación profesional e universitaria orientada ao rural, valorar a inmigración como ferramenta de revitalización demográfica, aplicar modelos turísticos de éxito doutros países europeos e reforzar o orgullo cidadán polo potencial turístico de Lugo.
Na primeira mesa, Carmen Lence, puxo en valor o papel de Lugo como provincia que xera o 40 % da produción leiteira de España e defendeu un modelo de explotación gandeira sostible e digno. “O obxectivo non debe ser subsistir, senón vivir dignamente”, afirmou, ao tempo que criticou a “politización” da economía, en referencia ao proxecto de biogás de Lugaz, que finalmente non se levará a cabo.
Pola súa banda, Nuria Varela, reclamou protección fronte ás actividades extractivas e contaminantes, mentres que Hugo Criado defendeu a convivencia de diferentes modelos produtivos e propuxo unha redución fiscal para o sector. “En Austria, por exemplo, as explotacións con menos de 600.000 euros de facturación nin sequera teñen que presentar contas”, exemplificou.
O empresario Elio López incidiu na importancia de mellorar a calidade de vida no rural e apostou pola desburocratización e a implantación de tecnoloxías como motor de desenvolvemento. “A tecnoloxía será a mellor aliada do rural no futuro”, concluíu.
A segunda mesa, moderada por Antonio Platero e composta por Guido Álvarez, Xosé Merelles e Juan Luis Vázquez, centrouse no turismo de calidade e na potenciación da provincia como destino enolóxico. Vázquez destacou o potencial da Ribeira Sacra e propuxo seguir modelos implantados en zonas vitivinícolas de Francia e Portugal, ademais de mellorar as comunicacións.
Guido Álvarez, guía turístico en Lugo, subliñou a necesidade dunha reivindicación social do turismo lucense e lembrou o impacto económico que xera o sector. Pola súa parte, Merelles defendeu o valor estratéxico do turismo como motor de desenvolvemento para Lugo.
A Asociación Más Debate reafirmouse, con esta iniciativa, como unha plataforma de diálogo que conecta a provincia coa sede lexislativa nacional, impulsando propostas e reflexións con especial sensibilidade cara á mocidade e o futuro do rural galego.