O Congreso insta ao Goberno a mellorar a iluminación da entrada a Lugo por Nadela

O Congreso dos Deputados deu luz verde á Proposición non de Lei presentada polo Grupo Popular para reclamar ao Goberno de España unha mellora da iluminación no acceso a Lugo por Nadela e a humanización da travesía deste enclave.
A iniciativa recibiu o respaldo de 18 parlamentarios —entre eles PP, Vox e Grupo Mixto a través do BNG— fronte ás 17 abstencións rexistradas polos deputados do PSOE, Sumar, ERC e Junts. A decisión socialista de non apoiar a proposta evitou unha posición firme sobre unha demanda que, segundo os populares, ten impacto directo na seguridade viaria dos veciños de Lugo.
A deputada Cristina Abades foi a encargada de defender o texto, lembrando que “Lugo non pide privilexios, pide igualdade. E igualdade é ter estradas seguras, ben iluminadas e en bo estado, como calquera outra provincia española”. A parlamentaria subliñou ademais que esta reclamación “non nace dun debate político, senón das peticións constantes de residentes, profesionais do transporte e outros usuarios que levan anos advertindo da urxencia de actuar en rotondas como a de Nadela, nos accesos á N-VI e noutros treitos estatais que conducen á capital lucense”.
A mesma iniciativa será debatida no Pleno do Concello de Lugo, e o PP pregúntase se repetirán en Lugo a mesma postura que mantiveron en Madrid.