O congreso nacional da gandería extensiva e o pastoreo celébrase en Lugo
A sétima edición do congreso Territorios Pastoreados (TP7) celebrarase en Lugo, Galicia, do mércores 18 ao sábado 21 de setembro de 2024. Este encontro, organizado pola Fundación Entretantos en colaboración coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e unha ampla rede de entidades colaboradoras, consolidouse como un dos eventos europeos e o principal congreso nacional para o intercambio de coñecementos e experiencias no ámbito da gandería extensiva e o pastoreo.
Este evento reúne a gandeiros, profesionais, investigadores, xestores, administración, consumidoress, estudantes, e está aberto a calquera persoa interesada en debater, coñecer e informarse sobre o presente e o futuro do pastoreo e a gandería extensiva, como unha actividade que fomenta a sustentabilidade social e económica dos territorios rurais e que contribúe á conservación dos nosos ecosistemas. Territorios Pastoreados (TP7) articúlase a través de conferencias, talleres, mesas redondas, proxeccións documentais e visitas de campo.
Un programa no que participan máis de 30 relatores que a través de espazos de debate abertos ao público, abordan diferentes experiencias e temas como o consumo, a posta en valor e diferenciación de produtos procedentes de gandería extensiva, a diversificación económica do pastoreo, a gandería como instrumento de conservación, o pastoreo na xestión tradicional de montes, a adaptación ao cambio climático ou a transhumancia, entre outros moitos. Todo isto nun momento moi especial e crítico para este sector, onde a propia ONU declarou 2026 como “Ano Internacional dos Pasteiros e do Pastoreo”.
Nesta xornada poderase visitar o primeiro matadoiro móbil público en España, pertencente á Xunta de Galicia. Este matadoiro, que permite o sacrificio de proximidade, e que ofrece un servizo de refrixeración e envío ata o consumidor final de canles en Galicia, é unha experiencia que pode facer viable o futuro de moitas explotacións de gando menor, permitindo a comercialización directa dos seus produtos. Durante o congreso terá lugar a presentación da exposición aberta ao público ‘Tras os ollos do pastor’, de Zacarías Fievet, pastor de alta montaña e autor das fotografías así como unha cata de carne de ASGAFON ,Terneira Galega Suprema, Son de Lugo.
TP7 desenvolverase na tarde do mércores 18 na Deputación de Lugo e o resto dos días na Escola Politécnica Superior de Lugo pertencente á USC. O matadoiro móbil estará instalado no aparcamento da devandita escola. Neste evento trátase ademais de fortalecer as redes locais e internacionais en torno ao pastoralismo co fin de promover a súa posta en valor e dar a coñecer o impacto positivo da gandería extensiva tanto nas vidas e economías das persoas e comunidades rurais como nos espazos naturais e ecosistemas. A asistencia a Territorios Pastoreados é gratuíta, aínda que é necesario realizar unha inscrición previa, enchendo este formulario dispoñible tamén na web onde está dispoñible tamén o programa e toda a información do evento.