O Consello da Xunta aproba a licitación do proxecto do centro de saúde de Becerreá

O Consello da Xunta abordou hoxe, na súa reunión semanal, dous informes da Consellería de Sanidade nos que avanza á licitación os vindeiros días da redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Becerreá, na provincia de Lugo, e da ampliación e reforma do centro de saúde de Baltar, no concello pontevedrés de Sanxenxo.
Polo que atinxe ao novo centro de saúde de Becerreá, a Xunta vai proceder a licitar a contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra por importe de case 270.000 euros.
A Xunta prevé investir na execución material do novo centro de saúde de Becerreá arredor de 3,2 millóns de euros.
O futuro centro de saúde desta localidade da provincia de Lugo atenderá unha poboación de 2.867 tarxetas sanitarias e contará cunha superficie construída de 2.150 m2.
Disporá, como novidade, dunha consulta de traballo social, unha de hixienista, unha sala de técnicas, unha polivalente e unha para docencia; ademais das actuais tres consultas de medicina, tres de enfermería, unha sala de toma de mostras, unha consulta de pediatría e outra de enfermaría pediátrica, unha para a matrona, outra para o programa da muller, unha sala de docencia e unha consulta de odontoloxía, ademais de consulta de fisioterapia e ximnasio.
No que atinxe ao punto de atención continuada, a previsión é que o PAC dispoña dunha nova sala de observación e box para críticos, dúas consultas de medicina (unha máis que no actual centro) e tamén unha consulta de enfermería.
Así mesmo, modernizaranse e melloraranse a área de radioloxía e os espazos destinados ás tarefas de xestión.
A construción do centro de saúde de Becerreá está contemplada na fase 2 do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.
A Xunta prevé adxudicar a redacción dos dous proxectos a finais deste ano, co obxectivo de telos redactados no primeiro semestre de 2026, como paso previo á licitación das obras.
O novo centro de saúde mellorará substancialmente a atención prestada, dada a antigüidade do espazo no que actualmente se localiza o centro de titularidade do concello, construído en 1992, e que comparte inmoble con actividades municipais de distinto ámbito, presentando carencias de espazos para a organización asistencial ou problemas de accesibilidade.