O Consello Escolar Municipal analiza o inicio de curso e os avances nos servizos de comedor en Lugo

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, encabezou unha nova reunión do Consello Escolar Municipal, un espazo no que se integran todos os sectores sociais vinculados ao ámbito educativo e que funciona como foro de debate, reflexión e coordinación entre as diferentes partes implicadas. Buide subliñou que este órgano permite aliñar iniciativas e compartir propostas co obxectivo de favorecer ao alumnado e á infancia e mocidade da cidade.
Durante o encontro, a edil informou sobre o desenvolvemento do curso nos comedores escolares, un servizo que –segundo recordou– corresponde á Xunta de Galicia, aínda que é o Concello quen o está asumindo. Nos primeiros meses do ano académico, a asistencia media diaria foi de 927 nenos e nenas nos comedores municipais, mentres que o servizo de madrugadores e madrugadoras contou con 378 usuarias e usuarios. Este último ampliouse este curso ao CEIP Nadela, permitindo chegar xa a todos os centros públicos da cidade.
Buide detallou tamén os pasos dados para habilitar o servizo de comedor na escola Fingoi 2, pendente de que a Xunta acondicione o espazo necesario. A concelleira indicou que o Concello comezará a prestar o servizo en canto se dispoña das instalacións e se acaden as inscricións mínimas requiridas. Ademais, avanzou que ambas administracións están a traballar de maneira coordinada para garantir que o novo comedor cumpra todas as necesidades, incluíndo a instalación dun aseo e dun lavamáns que eviten que o alumnado teña que desprazarse ao edificio principal durante a comida.
O Consello Escolar Municipal está integrado pola propia Iria Buide e persoal técnico da Concellería de Educación, o Secretario do Pleno e un técnico de Enxeñaría, ademais de tres representantes da Inspección Educativa e da Consellería de Educación da Xunta. A comunidade educativa participa mediante un representante da educación infantil, dous de primaria, dous de secundaria e un do ensino privado. O profesorado está presente con dez membros, ás que se suman seis persoas en representación das familias e catro estudantes de Educación Secundaria, completando así a estrutura do órgano.