O Consello Escolar Municipal de Lugo actualiza o seu regulamento por primeira vez dende 1997

LugoXa
Entre os principais cambios inclúese a incorporación dos movementos de renovación pedagóxica e a simplificación do procedemento de selección dos representantes do estudantado
Consello-Escolar-Municipal-Lugo
10 Jun 2025

A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, presidiu unha nova xuntanza do Consello Escolar Municipal de Lugo, definido pola edil como “o órgano no que se integran os sectores sociais implicados na educación”.

Buide destacou a importancia deste espazo como foro de “debate, análise e encontro da comunidade educativa”, orientado a coordinar accións conxuntas en beneficio do alumnado e da infancia e mocidade da cidade.

Durante a sesión, anunciouse a aprobación dunha actualización do regulamento interno do Consello, a primeira dende a súa creación en 1997. Segundo explicou Iria Buide, entre os principais cambios inclúese a incorporación dos movementos de renovación pedagóxica e a simplificación do procedemento de selección dos representantes do estudantado.

A concelleira trasladou tamén os plans de actuación da súa área para os próximos meses, centrados especialmente no mantemento dos centros educativos e na concesión de axudas ás familias con menos recursos. “Queremos garantir que, independentemente da situación económica, todas as nenas e nenos de Lugo poidan acudir ao colexio co material necesario”, asegurou.

Buide subliñou que moitas destas actuacións dependen directamente do Concello “polo abandono das súas responsabilidades por parte da Xunta de Galicia en materias como as escolas infantís, os comedores escolares, as axudas para libros ou as actividades extraescolares”, o que, segundo indicou, supón un importante esforzo económico e administrativo anual para o goberno local.

O Consello Escolar Municipal está formado por representantes da Concellería de Educación —incluíndo persoal técnico, o secretario do Pleno e un técnico de Enxeñaría—, tres representantes da Inspección Educativa e da Consellería de Educación da Xunta, ademais de membros da comunidade educativa: un representante dos centros de educación infantil, dous de primaria, dous de secundaria e un do ensino privado, así como 10 docentes, 6 representantes das familias e 4 estudantes de secundaria.

⚙ Configurar cookies
0.17608094215393