O Conservatorio de Música de Lugo acolle o luns un evento de música e danza
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na presentación do concerto Minimalismo, Ensemble de clarinetes e danza, que acollerá o próximo luns 20 de xaneiro o auditorio do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo. No acto estiveron tamén o director deste centro, Borja Durán, e a directora do Conservatorio Profesional da Danza, Cristina Lata.
A actuación comezará ás 20,00 horas e contará co Ensemble de Clarinetes do Conservatorio de música xunto con alumnado de Danza. Ambos centros dependen da Administración autonómica.
A programación inclúe pezas de Hans Zimmer, Philip Glass, Yann Tiersen e Serban Nichifor interpretadas polo Ensemble de Clarinetes do conservatorio de música. Alumnado do grao profesional de danza porá en escena coreografías creadas por profesoras do centro.