O convenio entre o Concello, ADIF e a Xunta permitirá avanzar na construción da Estación Intermodal

LugoXa
O convenio entre o Concello, ADIF e a Xunta permitirá avanzar na construción da Estación Intermodal lucense
lugo proxecto intermodal
8 Mar 2023

O vindeiro día 17 deste mes o Concello de Lugo asinará coas responsables de ADIF e a Xunta de Galicia, o convenio que permitirá avanzar na construción da Estación Intermodal de Lugo. Este convenio é imprescindible para dar pasos xa que o documento reflicte as obras que corresponden executar a cada Administración así como as aportacións económicas de cada unha e as anualidades, nun proxecto no que se investirán 50 millóns de euros.

Así, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegará 31 millóns de euros, o ente autonómico 13,6 millóns e o Concello de Lugo 4,7 millóns, correspondéndose estes últimos coa cofinanciación – xunto ao ADIF – do novo paso inferior peonil de uso libre que comunicará o barrio de Paradai e o do Sagrado Corazón, así como da urbanización dos viarios e da contorna inmediata na que se construirá a nova dotación.

A rexedora lembrou que “foi xa no mandato pasado cando puxen novamente este proxecto na axenda política, entendendo que se trata dunha infraestrutura vital para incrementar a nosa competitividade e conectividade co resto do país, reunindo as estacións de autobuses e de tren no lugar no que agora se atopa esta última e mellorando as liñas ferroviarias para acadar a alta velocidade”, ao tempo que subliñou que “posiblemente xa poderíamos estar disfrutando da nova intermodal se o Partido Popular non houbera paralizado e suspendido unha adxudicación que xa estaba en vigor no ano 2012”.

A intermodal contempla a execución dunha nova estación ferroviaria cuxa redacción do proxecto e execución levará a cabo ADIF. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso inferior, que financiará integramente esta entidade adscrita ao Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, cun investimento de 16,1 millóns de euros.

A área intermodal tamén incluirá a construción dun novo paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria. O orzamento destas intervencións ascende a 11,6 millóns de euros e será financiado nun 60% por ADIF e nun 40 % polo Concello.

Finalmente, o proxecto contempla a construción da nova estación de autobuses, que terá unha superficie de 550 metros cadrados e distribuirase en dúas alturas, contando cun total de 23 dársenas. O orzamento destas obras será de 9 millóns de euros, achegados pola administración autonómica.

Así mesmo, habilitarase un aparcamento subterráneo, cuxo proxecto redactará Adif, aínda que as obras serán executadas pola Xunta, conxuntamente coa estación de autobuses. Este aparcamento subterráneo implicará un investimento de case 12,5 millóns de euros, e será financiado nun 62,5% por Adif e un 37,5% polo goberno galego.

Novo paso inferior

Lara Méndez destacou que a construción do noso paso soterrado, previsto no proxecto, mellorará a conexión dos barrios da contorna e transformará a súa configuración, “rompendo co illamento que, durante décadas, supuxo a vía do ferrocarril”.

“Trátase dunha obra á que o Concello non quixo renunciar, debido á relevancia que ten en clave municipal para a seguridade da cidadanía e a integración urbana das zonas que comunica, que finalmente costearán o Concello e ADIF ante a negativa da Consellería de Infraestruturas a colaborar na súa financiación”, lembrou Lara Méndez.

A obra do paso inferior peonil de uso libre redundará na permeabilidade transversal urbana e suporá a intervención e mellora da zona comprendida entre a Praza Conde Fontao, a rúa Alta e o parque do Sagrado Corazón onde, segundo indicou Méndez, se actuará no viario e nos accesos rodados tendo en conta as necesidades de infraestruturas de servizos, accesibilidade, seguridade viaria e fluidez de tráfico.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18401098251343