O Corgo acolle unha nova edición da Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios

LugoXa
A feira celebrarase os días 1, 2 e 3 de agosto cunha ampla programación que mestura artesanía, música, gastronomía e actividades para todos os públicos
Presentación-do-mercado-de-oficios-O-Corgo
22 Jul 2025

A Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios do Corgo, organizada pola Asociación Os Cinco Ríos, celebrarase os días 1, 2 e 3 de agosto cunha proposta que combina tradición, cultura e emprendemento no medio rural.

A cita foi presentada na Deputación de Lugo, onde o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, confirmou que a institución provincial apoia o evento cunha achega económica de 3.500 euros. No acto participaron tamén o presidente da Asociación de Veciños Cultural e Deportiva Os Cinco Ríos, José Chousa López, e varios membros do colectivo.

Rivera destacou que esta mostra “é moito máis ca unha feira: é unha expresión do potencial do rural, non só como espazo de memoria, senón tamén como lugar de creatividade, innovación e identidade”. Subliñou ademais o traballo da entidade organizadora, que “ano tras ano saca adiante un evento singular que pon en valor o traballo feito con coidado e con raíces no territorio”.

O deputado indicou que a Deputación apoia esta iniciativa porque “encaixa de cheo cos valores que defendemos: o apoio ao tecido produtivo local, á cultura popular, á formación e ao relevo xeracional nos oficios tradicionais”.

A feira desenvolverase no recinto feiral do Corgo cunha programación diversa que inclúe exhibicións de maquinaria agrícola antiga e moderna, demostracións de oficios tradicionais, postos de artesanía e produtos locais, un espazo de segunda man, propostas infantís e actividades para a transmisión interxeracional do coñecemento.

Pola súa banda, o presidente de Cinco Ríos agradeceu a colaboración constante da Deputación, destacando que “esta mostra, pola súa interactividade, enfoque comunitario e sostibilidade, actúa como un motor de desenvolvemento económico local”. Tamén lembrou que a entidade promotora é sen ánimo de lucro e non pode asumir en solitario os custos dun evento destas características.

Tanto os organizadores como o deputado Pablo Rivera animaron a veciñanza e visitantes a achegarse ao Corgo os días 1, 2 e 3 de agosto, “porque o que se vai vivir alí non é só unha feira: é unha mostra do que o rural sabe ofrecer, un evento vivo que impulsa a economía, o talento e a cohesión territorial”, concluíu Rivera.

A programación da Mostra de Maquinaria e Mercado de Oficios arrancará o venres cunha pancetada popular e o concerto do grupo Calibre. O sábado haberá feira dende as 10:00 horas, concentración de motos, sesión vermú con Mar de Caión, xogos tradicionais pola tarde e verbena á noite co trío Mar de Caión e disco móbil DBC.

O domingo inclúe concentración de vehículos clásicos, pregón, actuacións musicais, degustación gratuíta de cordeiro ao espeto, festa da escuma e actividades para os máis pequenos. O trío Vaivén porá a música final da xornada e os sorteos serán o colofón dunha fin de semana dedicada á dinamización do rural e ao apoio ao produto e oficio local.

⚙ Configurar cookies
0.1655969619751