O Corgo acollerá un curso de iniciación á lectura de documentos antigos
O vindeiro 9 de xuño é o Día Mundial dos Arquivos, unha efémeride que o Concello do Corgo quixo celebrar organizando o primeiro Curso de iniciación á lectura de documentos antigos.
Unha iniciativa que xorde a través do proxecto CORGORAL e coa que se propón unha achega práctica á lectura e comprensión dos documentos escritos como pouso doutras épocas.
O obxectivo do Goberno local é “desempolvar eses vellos papeis dunha maneira sinxela: dando as claves para poder lelos e comprendelos”.
O curso é gratuíto, con un total de dez prazas dispoñibles, e terá lugar o xoves 9 de xuño, de 17:00 a 20:00 horas na Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo. Todas as persoas interesadas en inscribirse deberán enviar un correo electrónico antes do día 6 de xuño, indicando o seu nome, apelidos e teléfono de contacto a proxecto.corgoral@gmail.com.
“Trátase de introducir aos interesados nese marabilloso mundo da escrita e aprender a valorar o que se agocha nas artesas e nos caixóns das nosas casas”, explican dende o Concello.
Impartirase unha primeira achega teórica á paleografía e diplomática antiga, aprendendo a interpretar a linguaxe administrativa, a recoñecer os diferentes tipos de letra e as abraviaturas utilizadas con maior frecuencia.
Posteriormente e a través de varios exemplos prácticos, explicarase ao alumnado o mellor xeito de descifrar as vellas escrituras. Asemade, invitan aos participantes a levar documentos antiguos para descifralos no curso.