O Corgo acolleu un dos obradoiros de divulgación Lambiscadas Científicas da Deputación de Lugo
A deputada de Cultura Iria Castro participou esta semana nun dos obradoiros de divulgación Lambiscadas Científicas que está a desenvolver o grupo de investigación da USC XuvenCiencia co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A actividade, que se celebrou no Punto de Atención á Lectura do Corgo, grazas á colaboración da asociación Arumes do Corgo, centrouse na prevención das enfermidades trasmitidas por carrachas, cunha charla a profesora de veterinaria Susana Remesar na que, ademais das explicación teóricas, as persoas asistentes puideron ver ao microscopio as características destes artrópodos.
É unha das temáticas que máis interese está a suscitar entre todas as ofertadas dentro deste programa de divulgación científica, co que tamén se ofertaron talleres sobre outras cuestións relativas á relación co medio e ao aproveitamento dos recursos naturais como a xestión sustentable da auga, os microenxertos e micorrizas, resistencia a antibióticos, o impacto das vespas velutinas na nosa actividade agrogandeira, a singularidade do noso monte comunal ou o papel dos bosques como sumidoiros de carbono na loita contra o cambio climático.
A deputada de Cultura Iria Castro valorou “o interese destas actividades que divulgan coñecementos cunha aplicación inmediata na vida cotiá e que, máis aló diso, trasladan a importancia do coñecemento científico e da labor investigadora para a sociedade en xeral, poñendo en valor especialmente o traballo das investigadoras no Campus Terra que están detrás desta iniciativa”.