O Corgo avanza na ampliación do seu polígono industrial co apoio da Xunta

O alcalde do Corgo, Felipe Labrada, mantivo un encontro coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, co obxectivo de avanzar na ampliación do polígono industrial do municipio.
Durante a reunión, a titular de Economía trasladoulle ao rexedor o compromiso da Xunta co desenvolvemento empresarial e ofreceulle a colaboración do seu departamento para estudar e impulsar as posibilidades de ampliación do solo industrial neste concello lucense.
Lorenzana destacou que a estratexia do Goberno galego aposta por facilitar o asentamento de novas empresas e o crecemento das xa instaladas, favorecendo así un desenvolvemento industrial equilibrado e homoxéneo en toda a Comunidade.
Neste sentido, incidiu na importancia de apoiar aos concellos que, como o Corgo, teñen demanda e disposición para crear solo industrial no que as empresas poidan establecerse e medrar.
Ademais, a conselleira lembrou que entre os anos 2009 e 2025, a Consellería de Economía e Industria destinou preto de 4,5 millóns de euros ao apoio do Concello do Corgo, das súas empresas e da veciñanza, nun esforzo sostido por impulsar o tecido económico local e mellorar as infraestruturas produtivas do municipio.