O Corgo celebrará o seu mercado e rastro o último sábado de cada mes
A Asociación os Cinco Ríos do Corgo, coa colaboración do Concello, recupera o mercadiño e rastro de cousas usadas do municipio tras o éxito da pasada edición. A cita celebrarase o último sábado de cada mes, para que non coincida con outras feiras contar así co maior número de postos, e terá lugar ao lado da Cámara Agraria.
O programa comezará o sábado 27 coa apertura do mercado. Haberá postos de vendedores ambulantes e calquera particular tamén poderá achegar o seu. Ademais, como novidade todas as persoas poderán levar unha cousa antiga para expoñer e a máis curiosa terá premio.
A partir das 11.30 horas os asistentes poderán gozar de xogos tradicionais como petanca, lanzamento de sacho e lanzamento de boina. Os interesados en participar deben anotarse no teléfono 636 584 282. Todos os meses realizaranse estas probas e acumularanse puntos ata agosto, cando se entregarán os galardóns ao primeiro clasificado de cada disciplina.
A música tampouco faltará na xornada. O cantante barallés Dani Pardo será o encargado de amenizar a sesión vermú a partir das 12.00 horas. Xa ás 13.30 horas terá lugar o sorteo dunha cesta. Por último, o mercado contará con postos de polbo para os que queiran gozar da gastronomía durante a xornada. As persoas interesadas en levar algo para vender deberán inscribirse nos teléfonos 636 584 282, 686 65 657 e 670 833 909.