O Corgo pon en marcha un proxecto para recuperar a súa tradición oral
A tradición oral é unha das grandes riquezas de cada territorio e, aínda así, boa parte desas cantigas, lendas ou acenos van caendo no esquecemento co paso dos anos. O Concello do Corgo tenta agora loitar contra esa situación coa posta en marcha de Corgoral, un proxecto de recolla de literatura de tradición oral e patrimonio cultural inmaterial.
A iniciativa partiu dunha iniciativa do BNG que fora aprobada por unanimidade hai xa catro anos ante a necesidade de salvagardar a memoria e os saberes de toda unha xeración. O pasado verán, o Concello do Corgo convocou un concurso para elixir ao perfil máis axeitado para poñer en marcha o proxecto. Optouse por Lois Ladra, antropólogo e arqueólogo que en 2020 gañou ademais o premio Pedra do Destino dos Amigos dos Museos de Galicia.
A actual situación sanitaria obrigou a Lois Ladra a reformular o proxecto Corgoral, que botará a andar en febreiro no Ceip Plurilingüe do Corgo. Para evitar riscos ás persoas, serán os propios alumnos e alumnas deste centro quenes realicen as entrevistas no contexto da unidade familiar. O mes de febreiro estará adicado aos contos; o de marzo, ás lendas; o de abril, ás cantigas e o de maio, aos refráns e adiviñas.
As entrevistas dos nenos serán gravadas para que Ladra poida revisalas e plantexar entrevistas con maior profundidade nun futuro. Ademais, o antropólogo está sondando en diversas institucións a existencia de recollas realizadas no municipio corgués, principalmente nas décadas dos 60 e 70.